Entregáronse en Narón máis de oitenta diplomas de distintas accións formativas

Foto de familia dos participantes – Concello de Narón

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, entregaron esta mañá un total de oitenta e seis diplomas correspondentes a tres Accións Formativas para Desempregados (AFD) impulsadas en 2016 en colaboración coa administración autonómica, e seis da Aula Cemit, promovidas desde o Concello, estes últimos, este mesmo ano. O rexedor local e a edil naronesa felicitaron ao alumnado por rematar con éxito estes cursos e animáronos a continuar formándose para, deste xeito, subliñaron, “mellorar as oportunidades de acceso ao actual mercado laboral”. En total impartíronse máis de duas mil horas de formación con estes nove cursos, “e nesa mesma liña continuaremos traballando desde o goberno local ao longo do ano, apostando pola formación e poñendo á disposición das veciñas e dos veciños de Narón os medios que estean ao alcance da administración local”, avanzou Natalia Hermida. A edil anunciou que a previsión ao longo deste 2017 é impartir unhas 6.000 horas de formación a través de diversas convocatorias promovidas desde o Consistorio, das que se prevé abrir algunhas nos vindeiros días.

O Concello acolleu o acto de entrega de 46 diplomas de cursos impartidos na Aula Cemit de Xuvia, en total máis de catrocentas horas de formación nos últimos dous meses. Os mesmos correspóndense co alumnado que rematou os cursos de Xestión Empresarial Básica (200 horas), un total de sete persoas; oito do de Mellora da Empregabilidade en Internet (30 horas); nove de Marketing dixital KPIs (50 horas); dez de Alfabetización dixital, deseño de CV e procura de emprego (100 horas); catro de Posicionamento en internet e indicadores de xestión (24 horas) e, por último, oito de Creación e dinamización da túa web (24 horas).

No referente ás Accións Formativas para Desempregados (ADF) entregáronse un total de corenta diplomas. Dos mesmos, trece correspóndense coas persoas que remataron o curso de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (628 horas); catorce coas de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións Sociais (478 horas) e trece co de Montaxe de mobles e elementos de carpintería (478 horas).

O alumnado que realizou os cursos AFD fixo tamén prácticas en algunha empresa, tal e como recordou Hermida, ao ser obrigatorio para obter o certificado de profesionalidade. A edil destacou o feito de que “temos un importante índice de inserción laboral entre as persoas que realizan os cursos de atención sociosanitaria e así o constata o feito de que un 60% das persoas que realizaron os cursos dos que entregamos hoxe os diplomas están actualmente traballando nesa área”.

Natalia Hermida explicoulles aos alumnos e alumnas dos cursos os recursos dispoñibles no Concello en materia de formación e animounos a “facer uso dos mesmos para aproveitar ao máximo os importantes investimentos que o Concello realiza en materia de Formación e Emprego”.

Lea también

Iniciadas las obras de aglomerado de la avda de Ferrol, en Valdoviño, con una inversión de 113.000€

Las obras de acondicionamiento de la avenida de Ferrol arrancaban en Valdoviño este jueves 25 …