Victoria para o combinado saharaui no partido ante os políticos da comarca no Cadaval

Foto de familia dos participantes – Concello de Narón

O campo de fútbol do Cadaval acolleu esta mañá, a partir das 11.00 horas, un partido solidario co pobo saharaui. O equipo formado por edís e alcaldes de Narón e doutros concellos da comarca rematou cun empate, 4-4, e na tanda de penaltis impúxose o combinado saharaui. A corporación local de Narón colaborou na organización deste partido, ao que se convidou a xogar a políticos doutros municipios veciños.

Os concelleiros de TEGA Guillermo Sánchez Fojo, Manuel Ramos, Pablo Mauriz e Ibán Santalla formaron un equipo cos portavoces do BNG e EU na localidade, Pablo Villamar e André Abeledo, respectivamente, e no que tamén xogaron os alcaldes de Ferrol e Neda, Jorge Suárez (Ferrol en Común) e Ángel Alvariño (PSOE); o edil do PP de San Sadurniño Manuel Romero, e os sindicalistas da CIG Xesús Anxo López Pintos e Francisco Cartelle, entre outros. No público, animando aos xogadores, estiveron o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e os portavoces naroneses de TEGA, Marián Ferreiro; do PSOE, Catalina García; do PP, Marcos López e de ENE, Alfonso Casal, así como outros concelleiros de TEGA Narón: Natalia Hermida e Mercedes Taibo, e de EU de Ferrol: Saínza Ruíz. Así mesmo, gozaron do xogo varios residentes do pobo saharaui e os delegados de zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps): Maite Martínez e Benigno López, que animaron aos integrantes do outro equipo, no que xogaban, entre outros, Azman Lehbib e o seu fillo, Hassan e outros que saharauis viven en Narón e en concellos como Ferrol e Ares.

Os xogadores, en función do equipo vestían camisetas de cor verde (os concelleiros e alcaldes) ou branca (os residentes saharauis en Galicia), nas que se podía ler o lema “Solidariedade co Sahara”.

O partido organizouse para recadar fondos para o pobo saharaui, coa venda de bonos a catro euros e tamén a habilitación dunha “Fila 0” nunha entidade bancaria para realizar ingresos destinados a esta causa. A vindeira semana coñecerase a cantidade exacta que se doará á ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), que financia proxectos de axuda humanitaria dirixidos ao pobo saharaui, e programas como “Vacacións en Paz”, que cada ano trae aos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal a menores saharauis, para afastalos das elevadas temperaturas que se alcanzan no deserto arxelino durante o verán.

Desde a organización agradeceuse a colaboración tanto dos xogadores como de todas aquelas persoas que, dun ou doutro xeito, realizaron donativos para colaborar coa causa saharaui.

Lea también

Jornada de iniciación al surf en la playa de Pantín, Valdoviño

Santiago de Pantín Surf School organiza una jornada de iniciación al surf el próximo sábado  …