A Xunta convoca aos propietarios dos terreos expropiados en Ares e Mugardos

A Xunta convoca aos propietarios dos terreos afectados pola construción da senda peonil entre Ares e Mugardos para o inicio do proceso de expropiación. Esta actuación suporá unha inversión de preto de 1,5 millóns de euros, cofinanciados con Fondos FEDER 14/20, e unha mellora da seguridade viaria e a calidade ambiental e de vida dos veciños da zona. A actuación consiste na execución dun tramo de senda peonil na marxe esquerda da estrada AC-130.

O levantamento de actas das fincas afectadas no Concello de Mugardos realizarase o vindeiro mércores 14 de xuño e no Concello de Ares será os días 15 e 16 do mesmo mes.

A consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), executará un itinerario 660 metros, concibido para mellorar a seguridade das persoas, sobre todo, dos escolares da zona. Esta actuación xa foi licitada o pasado día 5 de este mes, momento que se realizou a publicación no DOG.

Nesta actuación, redefinirase a sección tipo existente, aumentando os anchos da calzada mediante a ampliación e redistribución da plataforma actual. Ademais, inclúense as diversas accións co fin de mellorar a funcionalidade da estrada, entre elas, a mellora da intersección existente na AC-130 coa avenida do Mazote e a estrada DP-0402, na entrada da zona urbana de Ares, coa implantación dunha glorieta. Tamén está prevista a mellora da curva situada entre os quilómetros 2,6 e 2,8, aumentando o seu radio en planta.

Así mesmo, habilitarase dúas paradas de bus, unha no concello de Mugardos e outra no concello de Ares, e disporanse pasos peonís nas zonas de cruce da calzada situadas nas proximidades dos dous colexios, na avenida do Mazote e na zona de esparexemento de Fontelide, en Ares. Proxéctase tamén unha pasarela de madeira para dar continuidade á senda sobre o Rego do Cacho. Os traballos complétanse coa obras de drenaxe, sinalización vertical e horizontal, reposición de varandas, proteccións peonís e balizamento.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a promover sendas útiles, sostibles e saudables para que os veciños poidan empregar as estradas de xeito seguro e accesible, ao tempo que mellora a seguridade de todos os usuarios da vía.

O Plan de Sendas de Galicia concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís. O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, destinará este ano un total de 10,5 millóns de euros ao Plan, que xa dispón de 40 proxectos aprobados.

Lea también

As Pontes invirte preto de 110.000€ na mellora da rúa da Balsa

O Concello de As Pontes investirá 109.053 euros, procedentes da Deputación da Coruña, no proxecto …