Arrancan en Vilaboa os talleres de musicoterapia gratuítos para maiores

Primeira sesión de Musicoterapia – Concello de Valdoviño

A antiga escola unitaria de Vilaboa acolleu onte á tarde a primeira sesión dos talleres de musicoterapia promovidos pola Concellería de Servizos Sociais para as persoas maiores de 55 anos. Unha primeira sesión na que tomaron parte preto de 20 veciños e veciñas do municipio e que inauguraba o alcalde, Alberto González, que estivo acompañado da concelleira de área, Rosana García; a educadora familiar, Iria García, e a presidenta de AFAL, Ana María López, entidade que imparte a actividade.

Os talleres, completamente gratuítos, desenvolveranse ó longo dos meses de maio e xuño, todos os martes de 16,30 a 18,30 horas. Neles, a través da música, dos sons e das vibracións, búscase mellorar a comunicación, a aprendizaxe, a memoria, a motricidade e a expresión dunha forma completamente lúdica.

Nesta liña, o alcalde lembrou que os obradoiros celebráronse o ano pasado nas parroquias de Pantín, Sequeiro e Vilaboa e, o éxito da iniciativa, levou ó Concello a reeditala neste curso. Era un compromiso, sinalou onte á tarde. Precisamente, a descentralización das actividades cara as parroquias é unha das máximas que guía ó Concello á hora de deseñar a programación municipal.

Pola súa banda, Ana María López aproveitou a ocasión para lembrar ós asistentes que a asociación está a levar a cabo dende hai uns meses talleres de estimulación cognitiva en Valdoviño. Dirixidos a persoas diagnosticadas de alzhéimer ou outro tipo de demencias, celébranse no local da Asociación Cultural A Frouxeira, entidade que, xunto ó Concello, fan posible o proxecto. Continúa aberta a inscrición, co que as persoas interesadas só deben acudir a AFAL ou ó departamento municipal de Servizos Sociais.

Lea también

Ortigueira cerca de retener la inversión de 759.658 euros para el albergue y la reforma de O Murito

«A pesar de la petición del Estado de renunciar al dinero», tras la aprobación en …