A entrega de premios do “XXVIII Certame Intercentros Concello de Narón” terá lugar mañá no Pazo da Cultura

O Pazo da Cultura será o escenario no que se desenvolverá mañá martes, a partir das 12.00 horas, o acto de entrega dos premios da vixésimo oitava edición do “Certame Intercentros Concello de Narón”. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, asistirán á convocatoria, á que está convocado profesorado e alumnado dos centros de ensino públicos da cidade.

Os premiosa conceder establecéronse en función das diferentes categorías nas que participaron os alumnos e alumnas nesta edición do certame. Os premiados nas categorías de: Murais, Expresión oral e Canción en galego de educación Infantil e primeiro e segundo curso de Primaria; as de Mural ou Conto ilustrado, Expresión oral e Canción en Galego de terceiro e cuarto de Primaria e as de Conto, Cómic, Expresión oral, Canción en galego e Audiovisual de quinto e sexto de Primaria optan a un bono en especie valorado en 50 euros por cada unha delas. O alumnado de ESO e primeiro e segundo curso de BAC e Ciclos Formativos, que participou nas de Narrativa, Cómic, Poesía, Teatro escrito, Expresión oral –a excepción de Infantil e primeiro e segundo de Primaria, que recibirán un bono en especie de 50 euros pola súa participación- , Canción en galego, Audiovisual e Reportaxe xornalística –neste último caso só o alumnado de terceiro e cuarto de ESO e primeiro e segundo de BAC e Ciclos Formativos-, recibirán un bono en especie de 100 euros. Este mesmo agasallo será o que recibirá o alumnado do centro organizador, o CEIP da Gándara, polo deseño do Cartel anunciador das Letras Galegas.

O xurado dos premios integrouno un profesor de cada centro participante nas modalidades habilitadas, outro do centro organizador e, nalgún caso, especialistas na materia.

Uns 800 estudantes participaron a finais do pasado mes de abril no Pazo da Cultura na presentación dos traballos realizados para este certame. Así mesmo, os Murais, Contos ilustrados e Cómics que se expoñen no Pazo poderán verse ata o vindeiro 19 de maio, tal e como se acordou desde a organización.

Esta convocatoria, que alcanza este ano a súa vixésimo oitava edición, ten entre os seus obxectivos “fomentar a participación do alumnado en diferentes actividades programadas con motivo do Día das Letras Galegas, exaltando o idioma e fomentando o seu uso en diferentes campos creativos”, tal e como recordou a edil de Ensino, Mercedes Taibo.

Lea también

El Festival Ilustrado regresa a Ferrol en junio

Ferrol acoge los días 14,15 y 16 de junio un evento único en España que …