Entrega da recadación do partido solidario co pobo saharaui, en Narón

A delegada en Ferrolterra da ONG Solidaridade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), Maite Martínez, recolleu na mañá deste xoves no Concello o cheque simbólico coa recadación do partido solidario co pobo saharaui celebrado o pasado 30 de abril no campo do Cadaval, en Narón.

Os donativos para a entrada do evento -632 euros- e as aportacións da “Fila 0” -110 euros- habilitada nunha entidade bancaria reportaron un total de 742 euros, cantidade que recibirá a citada ONG.

O portavoz de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, entregou o cheque a Maite Martínez –co importe dos donativos das entradas, se ben o resto está xa na citada conta bancaria- nun acto ao que tamén asistiron os portavoces do PSOE, Catalina García, do BNG, Pablo Villamar e de EU, André Abeledo.

Representantes da corporación local de Narón, edís e alcaldes de Ferrol e San Sadurniño e representantes sindicais da comarca integraron o equipo que xogou contra o formado por residentes saharauis na comarca, impoñéndose este último na tanda de penaltis. Os xogadores, según o seu equipo vestían camisetas de cor verde (os concelleiros e alcaldes) ou branca (os residentes saharauis) co lema: “Solidaridade co Pobo Saharaui”.

A ONG Solidaridade Galega co Pobo Saharaui financia unha gran variedade de proxectos humanitarios para axudar aos saharauis. Entre eles está o programa “Vacaciones en Paz”, a través do que cada ano chegan a varios concellos da comarca, entre eles Narón, menores que residen nos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf, en Arxelia.

A representante da ONG, Maite Martínez, agradeceu a colaboración prestada polo Concello de Narón coas iniciativas impulsadas desde a Sogaps a favor do pobo saharaui. Pola súa parte, desde a corporación local de Narón agradeceuse a implicación das persoas que xogaron o partido e tamén de todas aquelas que non puideron facelo pero que respaldaron a iniciativa, animando aos equipos e realizando os donativos destinados á ONG, da que destacaron o seu importante traballo.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo de danza tradicional “Ceibe”

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana unha nova proposta, o …