A Xunta adxudica a execución dunha senda peonil e ciclista no treito do Ramo

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, vén de adxudicar o contrato para a execución da senda peonil e ciclista na estrada AC-133, no treito do Ramo, entre os pp.qq 2+030 e 2+660, no Concello de Fene.

Este proxecto de construción sométese ao este trámite, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes relativas á concepción global do trazado deseñado.

Estas actuacións, cun prazo de execución de 6 meses, foron adxudicadas á empresa Arias Infraestructuras S.A por un importe de máis de 210.000 euros. As obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Este proxecto, enmarcado na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Ferrol, ten como obxectivo mellorar a seguridade nunha vía que dá acceso a varios equipamentos docentes e culturais como o colexio, a escola infantil, o campo de fútbol ou o pavillón de deportes, polo que rexistra un elevado número de desprazamentos tanto a pé como en vehículos.

A senda desenvólvese nun treito antigo da estrada resultante dunha rectificación de trazado próxima ao apeadeiro de Barallobre e non require expropiacións. Nos primeiros 130 metros, ata a pasarela peonil existente para o paso sobre a vía de ferrocarril, executarase pola marxe dereita da estrada. Unha vez pasada a pasarela, construirase pola marxe esquerda nunha lonxitude de case 440 metros; e nos últimos 140 metros executarase pola dereita, pola existencia dunha escola infantil e un pavillón nesa marxe.

A obra completarase coa reparación das varandas da pasarela, que ademais será repintada para protexela de oxidación.

A sección tipo da vía, tras a actuación, constará de calzada de 6 metros e senda peonil de formigón de 2,2 metros (por unha ou polas dúas marxes dependendo do subtreito).

Lea también

Fene conmemora o Día do Libro con maxia para soñar

Cun “espectáculo sorprendente, para gozar en familia, no que o ilusionista Mago Marco proporá unha viaxe …