O Concello de Fene repara a principal vía de comunicación entre Limodre e Laraxe

Finalización das obras – Concello de Fene

O Concello de Fene rematou hai uns días as obras de reparación da pista que vai desde o lugar da Areosa, en Limodre, até o límite con Laraxe, xa no municipio de Cabanas. Os traballos forman parte da programación do POS provincial 2016 e levounos adiante a empresa OVIGA por un importe lixeiramente superior aos 20.000 euros.

A actuación serviu para repasar todo o firme da coñecida como «estrada de Laraxe» nun tramo de algo máis dun quilómetro comprendido entre o desvío da igrexa de Santa Olalla e o comezo da parroquia cabanesa de Laraxe.

É unha vía que soporta tráfico intenso practicamente todos os días por tratarse dun dos eixos máis empregados para chegar á N-651 desde o núcleo principal de Limodre sen ter que pasar polo polígono do Vilar do Colo. Ademais, pola estrada tamén pasan habitualmente tractores, camións e maquinaria pesada, posto que suca unha das zonas con maior densidade forestal do municipio.

Os labores de reparación consistiron, en primeiro lugar, nun varrido superficial do trazado fenés da estrada, despois tapáronselle os baches e, por último, selouse a pista cunha nova capa de rodadura. O proxecto ocupouse unicamente do asfaltado xa que, segundo a redacción técnica, o bo estado das cunetas non fixo necesario ampliar a intervención ás beiras da estrada.

A adxudicataria dos traballos, incluídos no POS provincial 2016, foi a empresa OVIGA cunha oferta de 20.220 euros.

Lea también

Valdoviño celebra su Feirón mensual

Los puestos regresan este domingo 28 a la Puerta del Sol de Valdoviño, que acogerá …