O Concello de San Sadurniño celebrará o seu primeiro trail de montaña o domingo 4 de xuño

Este domingo 28 temos carreira popular en San Sadurniño e sete días despois volverá haber unha cita coa velocidade e a resistencia tanto ou máis espectacular. E é que o departamento de Deportes organizou para o domingo 4 de xuño o I Trail Concello de San Sadurniño con dous circuítos que percorrerán parte do territorio de Naraío e Igrexafeita tocando o Forgoselo e os sendeiros do Río Castro. Haberá tres posibilidades de participación: individualmente correndo 16,5 km., en parellas sobre a mesma distancia -correndo e dándolle o relevo logo a unha ciclista-, ou ben facendo en solitario un trazado de 27 quilómetros. Para participar na proba hai que inscribirse na web www.prueba-t.es antes do 30 de maio.

Que ninguén pense nun paseo malia a pasar por algúns dos recunchos naturais máis fermosos do concello. A proba é dura, e moito, non tanto pola distancia como polos desniveis e a dificultade que entraña correr por terreo irregular, aínda tratándose de camiños e carreiros.

Hai deseñados dous circuítos, un curto de 16,5 quilómetros e outro longo de 27. Os dous teñen como punto de saída e chegada o campo de fútbol de Naraío pero, ademais da distancia, o perfil do terreo tamén marca unha diferenza importante entre os dous. Así, tanto o trail curto como o longo farán en paralelo 9 quilómetros: unha saída suave a xeito de quecemento polo contorno do Castro e, ao pouco, comezo de 5 quilómetros de subida ininterrompida cunha pendente que chega ao 32% e que só dará un respiro entre O Pousadoiro e A Abelleira.

Aos 9 quilómetros xustos -pouco despois da subestación do parque eólico do Forgoselo- as carreiras divídense. O trail curto dá a opción de participar correndo individualmente todo o traxecto ou por parellas, combinando unha persoa correndo o primeiro tramo e outra que lle collerá o relevo na bici á altura do quilómetro 9,8. Un relevo que se producirá pouco antes do vértice xeodésico de Racamonde -situado a 547 m. de altitude- desde onde se iniciará un descenso de case 6 quilómetros pasando polo repetidor do Furado e volvendo ao sendeiro do Río Castro preto xa do final.

O trail longo -o de 27 quilómetros- só se poderá facer a pé. No punto de separación con respecto ao curto -no km. 9,8- o trazado continuará de fronte para dar un rodeo de case catro quilómetros e volver practicamente ao mesmo sitio antes de chegar ao cruzamento onde as parellas do trail curto se dan o relevo e onde haberá un punto de avituallamento. Aí volven separarse os trazados, xa que a proba de maior distancia tirará ao norte -cara ao lugar dos Carboados- e iniciará a baixada ao pozo de Lamas, en Igrexafeita, desde onde tirará bordeando o Castro até o Castelo de Naraío.

Pouco antes da fortaleza, despois de levar 19 quilómetros nas pernas, novo pesadelo: pasar en menos de 3 quilómetros dos 150 aos 450 metros de altitude, é dicir, volver subir ás estribacións do Forgoselo superando case un 30% de pendente máxima.

Quen aguante o tirón terá o consolo de que, ao final da longa costa polo medio da fraga, empezará a baixada de case 6 quilómetros até a meta, situada no local social de Naraío. Alí disporán de duchas e dun xantar incluído nos 15 euros que custa a inscrición -para as persoas acompañantes a comida custa 10€-.

Por razóns organizativas fixouse un límite de 200 participantes no trail curto e de 200 tamén no longo, ademais dun máximo de 28 parellas para o trail combinado. A saída daráselles a partir das 9.00h. desde o campo de fútbol de Naraío.

As inscricións só poden facerse en liña a través da web www.prueba-t.es -onde está tamén o regulamento completo- , aínda que se se quere obter máis información tamén se pode chamar ao teléfono 616 332 919. O prazo remata ás 23.59h. do día 30 de maio. Os dorsais poderán retirarse na Casa da Cultura o venres 2 entre as 8.30 e as 15.30h. Na organización colaboran o club BTT Biela e Chaveta, Lobos de Naraío, a UDC Narahío, Oitomil Ocio e Aventura e Unigraf.

Xuño deportivo

Co I Trail Concello de San Sadurniño do domingo 4 ábrese a programación denominada Xuño deportivo, que o Concello vén organizando desde hai varios anos. Nela inclúese unha ruta de sendeirismo con 40 prazas dispoñibles que sairá o domingo 11 ás 10.00h. tamén do local social de Naraío para percorrer 12 quilómetros.

Na tarde do sábado 17 a proposta consistirá nunha aventura acuática practicando windsurf, paddlesurf e kaiak de mar pola ría de Ares. Neste caso ofértanse 20 prazas. O custe son 12 euros e para poder participar haberá que ter alomenos 15 anos.

O Xuño deportivo rematará o domingo 25 pola mañá -día de mercado local- coa tradicional roda cicloturista en familia que sairá do patio do colexio público sobre as 11 da mañá. Trátase dunha ruta de baixa intensidade cun percorrido de 13 quilómetros na que se poderán inscribir ciclistas de máis de 7 anos. Ademais, todas as persoas participantes levarán unha camiseta de agasallo e ao remate haberá varios sorteos de material relacionado co ciclismo.

Para inscribirse en calquera destas propostas ou facer consultas haberá que pasar pola Casa da Cultura en horario de mañá, ou ben remitirlle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Lea también

Narón acolle o “XXIII Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón” e o “Campionato Galego de Standard”

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club de Baile Deportivo Narón, …