Bautismos de mergullo para nenos e adultos no Concello de Fene

O vindeiro luns, 29 de maio, abre o prazo para inscribirse nos bautismos de mergullo que organiza a concellería de Deportes de Fene, coa colaboración do Club de Actividades Subacuáticas Nautilus. As persoas que queiran anotarse poderán facelo no pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín) en horario, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, e os mércores tamén en horario de tarde, de 16.30 a 19.00 horas.

No marco da súa oferta de actividades deportivas para a primavera-verán de 2017, o Concello de Fene programa de novo para este ano unhas xornadas de bautismo de mergullo adaptado (sábados 10 e 17 de xuño) xunto cos tradicionais bautismo de mergullo infantil (sábado 24 de xuño) e para maiores de 16 anos (sábado 24 e domingo 25 de xuño).

Os “bautismos de mergullo” plantéxanse como unhas xornadas de achegamento inicial ao deporte do mergullo. Baixo a supervisión de monitores/as do CAS Nautilus , nestas actividades os/as participantes poden experimentar a sensación de estar debaixo de auga de xeito divertido e seguro e cun equipo de mergullo autónomo.

Ademais, os bautismos de mergullo están deseñados para estimular a curiosidade dos/as participantes, familiarizándoos primeiro co equipo empregado nas actividades subacuáticas. Tamén traballan o tema da respiración (relaxación), qué facer para contrarrestar a presión (maniobra de Valsalva) e as normas básicas de seguridade (sinais submariñas).

Os Bautismos de Mergullo adaptado terán lugar na piscina municipal de Centieiras os sábados 10 e 17 de xuño (as persoas que se inscriban terán que asistir os dous días), en horario de 17:00 a 18:30 horas. Neles, cada un dos asistentes estará guiado en todo momento por mergulladores certificados e con adestramento específico para mergullarse con persoas con calquera tipo de discapacidade ou necesidades especiais.

Ademais, os/as participantes empregarán material adaptado (equipo lixeiro) co que practicarán a forma de respiración axeitada, relaxación, normas de seguridade e sinais submariñas. Tamén realizarán xogos adaptados ás necesidades específicas de cada participante.

Segundo informan dende a concellería de Deportes de Fene para esta actividade hai 6 prazas dispoñibles e o custe da mesma ascende a 6,25 €. Inscricións: do 29 de maio ao 8 de xuño no pavillón A Xunqueira.

O Bautismo de Mergullo infantil terá lugar o sábado 24 de xuño, de 17.00 a 17.45 horas, na piscina municipal de Centieiras. Nesta actividade, dirixida a nenos/as de 10 a 16 anos, os/as alumnos/as aprenderán a manexar un equipo lixeiro, recibirán explicacións e presenciarán exercizos co equipo pesado (que será levado polo monitor) e, por ultimo, realizarán prácticas de respiración, relaxación, normas de seguridade básicas e sinais submarinas.

Os requisitos para poder participar nesta actividade son: saber nadar e aportar un permiso paterno/materno. O número de prazas dispoñibles para esta actividade ascende a 15, que se cubrirán por orde de inscrición. Actividade GRATUITA.

Pola súa banda, o Bautismo de Mergullo para maiores de 16 anos desenvolverase o sábado 24 de xuño, de 17.45 a 20.00 horas, na piscina municipal de Centieiras, e completarase o domingo 25 de xuño cun paseo subacuático na praia de Chanteiro, de 10.00 a 13.00 horas (se as condicións do mar non o permiten, cambiarase a data para outro domingo). Nesta segunda xornada, os/as alumnos/as mergullarase en quendas de 1,5 horas, acompañados por monitores do CAS Nautilus.

Os requisitos para poder participar no Bautismo de Mergullo para maiores son: saber nadar e ter máis de 16 anos (os menores de 18 anos deberán aportar un permiso paterno/materno).

Segundo informan dende o Departamento de Deportes do Concello de Fene, para esta actividade hai 12 prazas dispoñíbeis, das cales se reservarán 3 prazas para persoas con discapacidade (que participaran no bautismo de mergullo adaptado). O custe da actividade ascende a 6,25 euros.

As persoas que desexen participar nos Bautismos de Mergullo do Concello de Fene (tanto nos infantís coma nos de maiores de 16 anos) deberán inscribirse do 29 de maio ao 21 de xuño no pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín) en horario de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas e os mércores, de 16.30 a 19.00 horas.

NOTA: a organización proporcionará todo o material deportivo necesario, incluídos os traxes de neopreno para o mar (no caso do Bautismo de Mergullo para maiores de 16 anos). Os/as participantes deberán levar bañador, gorro, chanclas e camiseta para meter na auga.

Para máis información, cómpre dirixirse ao departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán dta.) ou chamar ao teléfono 981-340366.

Lea también

Adri logra la victoria con España ante Angola en el Mundial de Lituania

Acabó la fase de grupos del Mundial de Lituania para la selección española y lo …