O Concello de Fene organiza este domingo a súa XXIV Milla Escolar

Instante dunha milla – Concello de Fene

Ao redor de cincocentos nenos/as participarán este domingo, 28 de maio, na XXIV Milla Escolar “Concello de Fene”, organizada pola Concellería de Deportes. A proba desenvolverase na Avenida do Mar de San Valentín, xunto ao pavillón da Xunqueira, aínda que, no caso de mal tempo, trasladarase ao interior do pavillón polideportivo da Xunqueira.

A Milla Escolar “Concello de Fene” é unha actividade dirixida a nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán o domingo ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1.

Segundo se establece no regulamento da proba, as categorías diferéncianse por anos de nacemento e aulas (ou idades equivalentes á idade correspondente de cada curso). Deste xeito, favorécese a participación de nenos e nenas da mesma aula, sobre todo nas categorías inferiores. Ademais, en todas as categorías diferénciase entre masculino e feminino.

Ao remate de cada proba terá lugar a entrega de medallas a tódolos participantes e unha vez que finalicen todas as carreiras entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados das categorías Alevín (5º e 6º de primaria), Infantil (1º e 2º da ESO) e Cadete (3º e 4º da ESO), masculino e feminino.

No caso de organizar a carreira no interior do pavillón da Xunqueira, realizarase un circuíto en redondo de aproximadamente 125 metros, no que o percorrido se determinará por voltas e a distancia establecida inicialmente pode variar para adecualo a voltas completas.

A circulación dos asistentes desenvolverase polas rúas transversais de San Valentín, deixando rúas alternativas de entrada e saída. Ademais contarase cos aparcadoiros da entrada de San Valentín. Efectivos da Policía Local e de Protección Civil indicarán aos participantes o lugar de aparcadoiro e rúas de circulación.

A “Milla Escolar” é xa unha das probas clásicas e consolidadas do Concello de Fene, cunha participación aproximada de 500 nenos e nenas de toda a bisbarra.

Para calquera dúbida os interesados poden chamar ao Departamento de Cultura e Deportes. Teléfono 607 615 962 ou 981 340 366.

Lea también

O Club Kang competiu na 6ª Edición Trofeo Kickboxing Ribeira Sacra

Este sábado o Club Kang, clubes de taekwondo e Kickboxing, con sede en Fene e …