Teatro, adiviñas e lendas protagonizaron a sesión de hoxe do programa “Lecturas compartidas” celebrado en Vilarrube

Lecturas compartidas – Concello de Valdoviño

O programa “Lecturas compartidas” que promove o CPI Atios en colaboración co Concello de Valdoviño chegou esta mañá á parroquia de Vilarrube. No local social, os rapaces e rapazas da aula A de 4º curso de Educación Primaria, perfectamente caracterizados e dirixidos pola súa mestra María Ruán, representaron para os veciños e veciñas a obra “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, de Carlos Casares. Unha peza dramática debordante de alegría que o autor escribiu a principios dos 70, convertíndose pronto nun clásico do teatro infantil. Contaron nesta ocasión cun público moi especial, xa que tamén estaban os nenos e nenas da escola unitaria da parroquia. A representación teatral arrancou o sorriso e o aplauso dos asistentes.

Trala representación, todos eles falaron do tema da sesión: trabalinguas, adiviñas e lendas e, neste caso, abordáronse entre outras a lenda da Virxe do Porto, a da vaca de Varela, a da Pena da Moura e incluso aquela que fala da antiga vila de Cedeira. Unha sesión moi animada e participativa.

Unha sesión que, como as anteriores, achegou a escola ó conxunto da veciñanza e, ó mesmo tempo, reivindicou a tradición oral como ferramenta de aprendizaxe entre xeracións.

O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Jessica Sabín, presentes nesta sesión volveron comprometer o apoio do Concello ó programa, que celebrará a súa última sesión do curso na Biblioteca Municipal o 9 de xuño, baixo o lema “As diversións de antes: romarías, festas… e lendas”.

Lea también

La formación en suelo pélvico y su gestión para prevenir patologías llega a Ortigueira en mayo

Tendrá lugar el viernes 24 en el Local Social de San Adrián de Veiga y …