Valdoviño e AFAL organizan a xornada “Colaborando pola seguridade no alzhéimer”

Actividade de AFAL – AFAL Ferrolterra

O Concello de Valdoviño e AFAL Ferrolterra promoven a xornada “Colaborando pola seguridade no alzhéimer e outras demencias”. Un programa pioneiro dirixido ós profesionais que velan pola seguridade cidadá e, en concreto, Policía Local, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e Garda Civil. Coa xornada búscase ofrecer información que fomente o entendemento sobre esta enfermidade e as estratexias que faciliten o manexo de situacións coas que se poden atopar na súa práctica diaria –desorientacións, conflitos, situacións de crise, agresividade, delirios, alucinacións…-. A xornada celebrarase este xoves, 8 de xuño, no salón de plenos da casa consistorial de Valdoviño, a partir das 20 horas. E, aínda que está pensada especificamente para axentes da Policía Local, Garda Civil e voluntarios de Protección Civil, tamén estará aberta a calquer persoa interesada no tema.

Dende AFAL, a súa presidenta, Ana María López, agradeceu a colaboración do Concello, declarado en 2016 Municipio Solidario co Alzhéimer, e tamén do seu alcalde, Alberto González, e avanzou que a asociación está en conversas para levar a cabo este tipo de xornadas noutros concellos da comarca. Lembrou que o 10% das persoas maiores sufren demencia, sendo o alzhéimer a máis frecuente. A afectación da memoria e a desorientación que provoca a enfermidade aumenta o risco de pérdida na persoa maior, convertíndoa nunha poboación especialmente vulnerable. Ademais, as alteracións do comportamento poden xerar conflitos familiares e/ou sociais nas que se requira presencia policial. De aí, a importancia deste tipo de xornadas.

Lea también

O tecido empresarial de Ares afonda na mellora do seu posicionamento dixital

A concelleira de Comercio, Lucía Blanco, achegouse á Casa da Xuventude para inaugurar os módulos …