San Sadurniño achégase a Pontevedra co gallo do Día Internacional do Medio ambiente

Instante da actividade en Pontevedra – Concello de San Sadurniño

Varios veciños e veciñas de San Sadurniño participaron na excursión a Pontevedra organizada polo Concello o pasado sábado. A viaxe tiña como obxectivo coñecer a premiada cidade do Lérez e os proxectos que alí se desenvolven en materia de mobilidade e sustentabilidade. Porén, ademais de Pontevedra, a expedición local tamén visitou a vila de Combarro e o mosteiro de Poio.

O Concello de San Sadurniño quixo celebrar o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, pasando a xornada na cidade que “dá de beber a quen pasa”, tal e como lembra a titular desta área, Amparo Calvo. A concelleira -que participou na excursión xunto con Secundino García- destacou que a cidade «é un referente de boas prácticas en materia de mobilidade e accesibilidade«, ademais de mencionar «a grande transformación» vivida nas dúas últimas décadas «pensando sempre na xente«.

Calvo explica que durante a mañá todos e todas deron un paseo polo casco histórico tendo como anfitrións a Carmen da Silva e Demetrio Gómez, ambos os dous membros da corporación. Con eles á cabeza visitáronse as prazas máis fermosas de Pontevedra -como a da Leña, a da Verdura ou a da Estrela- antes de pasar pola feira á beira do río e de entrar na Illa das Esculturas, «mesturándonos co bo ambiente que se respiraba na mañá do sábado«.

Logo do xantar, unha pequena volta por Combarro. A vila mariñeira dos hórreos e os cruceiros convidou a percorrer as súas rúas e a praia, e tamén «a facer compras e disfrutar das vistas comendo un xeado«.

Desde o peirao divísanse as torres do campanario do mosteiro de Poio e, malia non estar previsto no itinerario, a expedición acordou achegarse ata alí e ver tanto o cenobio como o hórreo máis grande de Galicia. E, por suposto, «gozar das vistas da ría de Pontevedra, coa illa de Tambo como agasallo da paisaxe”.

Lea también

Un jurado declara no culpable a la mujer acusada de matar a su marido en Monfero

El Tribunal del Jurado ha considerado a la acusada de matar a su marido en …