Visita institucional de Ana Pontón ao concello de Fene. «O conato dunha moción foi un esperpento e sinsentido(J.Trigo)

A parlamentaria Ana Pontón mantivo na mañá  deste xoves un encontro institucional co goberno local de Fene de cara a coñecer os proxectos nos que está a traballar o Concello así como aquelas prioridades que se queren trasladar desde o municipio á cámara galega. Pontón interesouse pola recuperación do contorno do Cádavo e da Ribeira de Barallobre, pero tamén polo anuncio de Abanca de deixar sen oficina ao barrio de San Valentín. Neste sentido, o alcalde, Juventino Trigo, anunciou na rolda de prensa posterior ao encontro que o próximo xoves se reunirá na Coruña con representantes da entidade bancaria co obxectivo de que reconsideren a súa decisión.

A portavoz do grupo do BNG no Parlamento galego chegou a Fene sobre as 12 da mañá e foi recibida polos membros do goberno local na alcaldía, onde asinou no libro de honra do Concello.

A parlamentaria autonómica conversou durante varios minutos coa representación municipal sobre iniciativas que se queren levar adiante e do balance dos últimos dous anos «dun goberno transparente que é referente pola súa capacidade de trabalo». Un balance cualificado por Ana Pontón como «excepcional» xa que, segundo asegurou, o labor do executivo «puxo o Concello a funcionar ao servizo das maiorías sociais».

Porén, no encontro cos medios tamén se falou da situación política municipal e, nomeadamente, do conato de moción de censura de hai uns días a instancias de PP, PSOE e Somos Fene. Á cuestión referiuse o alcalde, Juventino Trigo, quen non quixo entrar a valorar o que el cualificou como «esperpento» e «sinsentido». «Son os grupos da oposición quen deben dar unha explicación», precisou o rexedor.

Con todo, Trigo manifestou que en Fene «non existe ningún motivo para unha moción de censura» posto que, tal e como afirmou «o goberno está dedicándose a traballar e a sacar adiante asuntos que levaban paralizados moitos anos». Nesta liña o rexedor pediulle á oposición «responsabilidade e que traballen en positivo» xa que «a súa actitude o único que fai é prexudicar á cidadanía». Juventino Trigo lembrou, ademais que o PP «gobernou con 6 concelleiro, suxerindo que, a diferenza do que ocorre agora cun goberno de 5, «nunca se lle paralizou o labor de goberno».

Ana Pontón ratificou as palabras do rexedor e gabou o traballo do seu equipo por estar levando adiante «un proxecto sólido e de futuro«, ademais de referirse ao papel do PSOE ante unha posible moción: «teño o convencemento absoluto de que a carta de presentación para Pedro Sánchez en Galicia non vai ser unha moción de censura para quitar un alcalde do BNG e poñer un do PP».

Xuntanza con Abanca

Na rolda de prensa tanto Ana Pontón como Juventino Trigo referíronse ao posible peche da oficina de Abanca en San Valentín que para ambos é un caso máis «do progresivo desmantelamento do sistema bancario Galego», ao tempo que expresaron o seu apoio ás demandas veciñais.

Sobre o asunto, o alcalde explicou que xa se concertou con representantes da entidade unha xuntanza para o xoves da semana que vén. Nela presentaráselles o contido da resolución acordada no pleno da semana pasada que, entre outras cuestións, inclúe a posibilidade de que o Concello valore a súa posición como cliente do banco se finalmente decide pechar a sucursal. «Tentaremos explicar e xustificar por que é tan necesario manter aberto ese servizo en San Valentín»

Lea también

Fene conmemora o Día do Libro con maxia para soñar

Cun “espectáculo sorprendente, para gozar en familia, no que o ilusionista Mago Marco proporá unha viaxe …