A piscina municipal de San Sadurniño inicia temporada o luns 19 de xuño nun contorno completamente renovado

Piscina e nova área recreativa – Concello de San Sadurniño

Falta moi pouco para a chegada do verán. De feito, coa calor que vai un día si e outro non mesmo parece que esteamos xa dentro del. Se todo segue igual imos gozar de tres meses cunha chea de días fantásticos para achegarnos á piscina municipal. Un servizo que abrirá entre o 19 de xuño e o 17 de setembro -ambos incluídos- e que, desde este ano, conta cun contorno completamente renovado. Ademais, o Concello reedita a oferta de cursos e mantén invariables os prezos tanto das actividades na auga de polas mañás como dos baños libres da tarde, para os que sempre nos sairá máis a conta pillar un bono.

A piscina abrirá de luns a venres para nado libre de 15 a 21h. e durante a fin de semana entre as 12 e as 21h. Nos meses centrais do verán tamén se desenvolverán os cursos de natación e de ximnasia na auga entre as 11.00h. e as 14.00h., aínda que de momento non están fixados os horarios para cada grupo. O que si se sabe é que os cursos comezarán o 3 de xullo, que serán os luns, mércores e venres e que o prazo para apuntarse xa está aberto.

As inscricións poden facerse na casa da Cultura de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30. Tamén alí se poden adquirir os bonos para baños de toda a temporada, mentres que unha entrada solta poderá mercarse en calquera momento no bar da piscina.

O servizo do vaso e dos cursos estará xestionado pola empresa SEDEGA, á que o Concello lle adxudicou o contrato convocado hai unhas semanas, mentres que a cafetería levaraa Óscar Padín, unha das tres persoas que presentou oferta para facerse coa xestión e que, malia non achegar o canon máis elevado, si achegou unha proposta tecnicamente máis vantaxosa en base á experiencia demostrada en hostalaría e á variedade de servizos que porá a disposición do público.

Xunto co tempo que disque vai vir durante o verán, outro dos argumentos para pasar a tarde -ou o día- en Currás é a área de lecer recentemente remodelada polo Concello, cun novo aparcadoiro, máis espazo para o xogo e o deporte e dotada con máis lareiras e 16 merendeiros -12 deles con sombra- que son o complemento perfecto para a piscina e maila cantina.

As obras leváronse a cabo con cargo á partida de 135.000 euros asignada a San Sadurniño dentro do Plan de Acción Social 2016 da Deputación da Coruña. Ademais da redistribución do espazo e a ampliación do equipamento, o proxecto tamén permitiu mellorar a comunicación entre os distintos elementos do contorno -cantina, piscina, merendeiro e áreas de xogo-, co obxectivo de facelos máis accesibles e usables durante todo o ano.

Lea también

Efectivos del GES de Ortigueira localizaron a una mujer que estaba desaparecida

Efectivos del Grupo de Emerxencias Supramunicipal-GES de Ortigueira lograron localizar a una vecina de esta …