San Sadurniño prepárase para licitar as obras do POS+

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno extraordinario do pasado día 8 os investimentos que se van financiar con cargo ao POS+, o denominado Plan Único de Concellos que aglutina nun só plan de cooperación municipal os anteriores POS, PAS e PAI. San Sadurniño botou man de case 495.000 euros, dos que 274.500 irán para o apartado de gasto corrente e 220.200 para financiar tres proxectos de mellora viaria que engloban actuacións en varios puntos do territorio. Esta mesma semana o goberno local encomendoulle aos servizos técnicos municipais a preparación da documentación administrativa para o inicio dos expedientes de contratación das obras tan pronto como entre en vigor o acordo da corporación provincial. Malia todo, estas non serán as únicas obras que se leven adiante nos próximos meses. De feito, o Concello tamén ten outros tres proxectos en reserva que se levarán a cabo dependendo dos remanentes que produzan as baixas económicas das licitacións que se convocarán nos próximos días. Ademais, nestes momentos tamén está licitándose a urbanización do camiño do Enxerto.

Antes de ver como se aplica o POS+ en San Sadurniño é necesario ver como funciona. O que fixo a Deputación foi xuntar nun mesmo programa o antigo Plan de Obras e Servizos, o Plan de Acción Social e o Plan de Aforro e Investimento co obxectivo de que os municipios soubesen xa a comezos do exercicio con que cantidades económicas contarían para todo o ano, pero tamén para alixeirarlles o traballo en canto á tramitación. Ademais, ao ser un plan dinámico, o POS+ tamén incorpora a posibilidade de que os remanentes económicos xerados nas contratacións de obras se poidan reinvestir no mesmo ano.

Por outra banda, este mecanismo tamén lle dá máis seguridade aos municipios en canto á previsión de ingresos e maior autonomía para se xestionar, de maneira que unha parte importante da achega provincial se pode dedicar a gasto corrente mentres que os concellos -entre eles San Sadurniño- destinan recursos propios a outros investimentos.

Con este plantexamento xeral, a Deputación fixo unha distribución inicial de fondos do POS+ para que cada entidade local elixise que apartados cubrir: gasto corrente, redución de débeda, pagamento a provedores, facer achegas a outros plans ou redactar proxectos.

Nese reparto a San Sadurniño correspondéronlle un total de 625.034€: 274.500 euros asignados con criterios similares aos do antigo Plan de Obras e Servizos, outra de case 169.000 procedente de remanentes económicos do orzamento provincial de 2015 e, por último, unha cercana aos 181.600 euros en forma de crédito sen xuros coa mesma finalidade que tiña o Plan de Aforro e Investimentos.

San Sadurniño elixiu aproveitar as dúas primeiras partidas e só 51.000 euros da opción crediticia para manter o equilibrio orzamentario. Sumando todas as contías -antigo POS, remanentes de 2015 e eses 51.000 euros do PAI- dánnos 494.700 euros. Deles, 274.500 irán para financiar o apartado de gasto corrente municipal -alumeados, mantemento eléctrico, tratamento do lixo, etc.-, mentres que os 220.200 restantes -169.000 das baixas do ano pasado máis os 51.000 euros do crédito- irán parar a tres grandes proxectos de mellora da infraestrutura viaria.

Eses proxectos -que o Concello contratará en breve-, denomínanse “Pavimentación dos camiños da Fraga-Penalonga-AC861, o Cancelo-Vilaverde-Brame e outros”, que prevé actuacións nas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Lamas; “Pavimentación dos camiños A Veiga, As Calvelas, A Rega e outros”, co que se repararán pistas en Bardaos e Santa Mariña do Monte; e “Pavimentación dos camiños do Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó e outros”, dos que se beneficiarán as vías principais destes lugares de Ferreira e Naraío.

Porén, ademais destes, o POS+ tamén sinalaba que os Concellos beneficiarios deberían aprobar proxectos por un importe máximo do 20% da contía asignada -625.000 euros-, para executalos cos cartos que se aforren por mor das baixas nos procesos de contratación das obras mencionadas anteriormente.

Á espera de saber canto diñeiro haberá dispoñible -algo que se saberá cando se adxudiquen as obras- o Concello ten en carteira catro posibles obras: a mellora da accesibilidade de ambas marxes da Avenida Marqués de Figueroa -66.654,33€-, a construción dunha senda peonil en Igrexafeita -cifrada en 44.487,25€- e a pavimentación de varios camiños en Silvalonga e entre A Fraga e Os Pontigos, en Ferreira, cun importe de licitación de 47.941,77€. A execución destas obras dependerá, polo tanto, da contía que alcancen as baixas e estudando previamente cal ou cales se levarán adiante segundo as prioridades e a adecuación orzamentaria.

14 empresas compiten polas obras do camiño do Enxerto

O que xa está en marcha é o proceso de licitación das obras de urbanización do camiño do Enxerto, que prevén aglomerar e construír beirarrúas na vía que enlaza a capela do Belén coa estrada de Ortigueira.

Segundo o proxecto, os traballos consistirán en primeiro lugar na limpeza das cunetas para colocar tubos de drenaxe da auga da choiva, sobre os que despois se construirá unha beirarrúa de 1,30m. de ancho ao longo de 865 metros, na súa maior parte pola marxe esquerda da pista. As obras de urbanización finalizarán cun novo pavimento de aglomerado asfáltico co que, ademais, se procurará darlle a todo o traxecto un ancho uniforme de 4,7m.

O custe total da infraestrutura está cifrado no proxecto en 125.711,93€, ive incluído. Unha contía que seguramente se vexa reducida ao remate do proceso de licitación e que será asumida nun 80% pola Deputación da Coruña en virtude dun convenio suscrito co Concello a finais do ano pasado.

O concurso resolverase, previsiblemente, nos próximos días, e a el presentáronse 14 empresas construtoras.

Lea también

Cariño intensifica su plan integral de restauración de mobiliario

Reparación de baldosas, reposición de aceras y bordillos de aceras, restauración de papeleras o sustitución …