Unhas setecentas persoas participarán este sábado na Xornada de convivencia das escolas infantís municipais

Fot. arch.

O paseo marítimo de Xuvia acollerá, un ano máis, a Xornada de convivencia das escolas infantís municipais, na que este sábado participará alumnado dos centros da Solaina, A Gándara, Piñeiros e Xuvia –as tres primeiras xestionadas polo Concello e a de Xuvia da rede “Galiña Azul”- e tamén as súas familias. A iniciativa, impulsada desde a Concellería de Ensino, dirixida pola edil Mercedes Taibo, prográmase cada ano con motivo do final de curso e inclúe unha gran variedade de actividades das que poderán gozar tanto os menores como as súas familias.

A concelleira de Ensino explicou que a chegada e o recibimento ás familias participantes será ás 12.00 horas no paseo marítimo de Xuvia.

Media hora máis tarde, ás 12.30, dará comezo unha actividade lúdico musical, a cargo de Ce Orquestra Pantasma, co seu espectáculo infantil “Fíos do querer”, e ás 13.30 horas será o xantar comunitario, baixo unha carpa instalada na zona do paseo de Xuvia.

As familias dos nenos e nenas encárganse de levar a comida que degustarán ao mediodía. A actividade retomarase de novo ás 15.30 horas, coa actuación do grupo folc infantil Quenindiole, formado por nenos e nenas de Narón e comarca, e de 16.30 a 17.30 as mestras das escolas infantís participarán cos asistentes nunha sesión de diversos xogos. Estas xornadas rematarán sobre as 18.00 horas, tal e como indicou Taibo.

“As familias teñen con esta cita unha boa oportunidade para compartir un día de celebración e experiencias entre elas, ao tempo que gozarán cos nenos e nenas dos espectáculos musicais e dos xogos que terán lugar durante a mañá e a tarde”, apuntou a Concelleira de Ensino

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …