Máis dun milleiro de escolares participaron na X Marcha Ciclista Escolar de Narón

Algo máis dun milleiro de escolares participaron na mañá deste venres na décima edición da Marcha Ciclista Escolar organizada polo Concello de Narón. A cita foi novamente un éxito e os escolares gozaron dunha animada xornada de deporte e diversión durante boa parte da mañá.

Sobre as 10.15 horas saíron dos seus centros escolares cara ao paseo marítimo de Xuvia, reagrupándose varios participantes na glorieta de Freixeiro. Unha vez no paseo, a donde chegaron sobre as 11.30 horas, os rapaces e rapazas aparcaron as súas bicicletas e gozaron dun merecido descanso, tomando un bocadillo, auga e refrescos.

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, acudiron tamén á convocatoria, e conversaron animadamente con asistentes á Marcha Ciclista Escolar. Algúns deles aproveitaron a ocasión para pedir que na vindeira edición se realizase un percorrido máis longo, e todos coincidían en destacar que estaban desfrutando deste evento cos seus amigos e amigas. Sobre as 13.00 horas os escolares colleron de novo as súas bicis para regresar aos seus respectivos centros escolares.

Este ano participaron alumnas e alumnos dos colexios: Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros, O Feal, A Gándara, Santiago Apóstol, A Solaina, Ayala, Virxe do Mar, do centro Virxe de Chamorro e do colexio Maciñeira, este último de Neda.

O equipo de Educación Viaria do Concello estivo representado por Pedro Caneiro, Simón Cabarcos e Anabel Bello e contou coa colaboración das Anpas dos centros participantes, do Moto Club Fojeteiros, do ximnasio Beny Gym, dos clubes ciclistas de Narón: Vara e Pedal, Eskornabois, Camaleones Narón Bike e Clásico BikeWorks, que realizaron cos rapaces e rapazas o percorrido de ida e volta en bicicleta.

Desde o goberno local agradeceuse a colaboración prestada polos diferentes colectivos, así como o traballo dos axentes da Policía Local e do equipo do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Narón. O Concello valorou tamén a comprensión dos condutores que tiveron que esperar ao paso dos participantes na Marcha Ciclista Escolar por algúns viais da cidade e a implicación das empresas Gadisa, Coca Cola e do Centro Comercial Narón, que aportaron os bocadillos e as bebidas que se lles entregaron aos participantes en Xuvia.

Lea también

Narón habilita un área de información relativa ás posibles alegacións medioambientais ao borrador do PXOM para tramitalas a través da Xunta

O goberno local de Narón anunciou a habilitación dun servizo de información presencial exclusivo sobre …