O alcalde de Narón recibiu no seu despacho a dúas representantes da Asociación de Ferrolterra de Mediación

Instante da recepción – Concello de Narón

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, recibiu onte no seu despacho a Adela Fernández e María Ángeles Díaz, presidenta e vocal, respectivamente, da Asociación de Ferrolterra de Mediación (Afemedia). As representantes da asociación deron a coñecer ao rexedor local a entidade, que se presentará publicamente o vindeiro 28 de xuño en Ferrol –ás 20.00 horas no Hotel Almirante-. Blanco asegurou que se trata “dun servizo novidoso e que permitirá desconxestionar parte do traballo dos xulgados”, ao tempo que destacou o importante papel que xogan os mediadores en determinadas situacións para poder chegar a acordos entre as partes.

A entidade, sen ánimo de lucro, constituíuse en marzo deste ano co obxectivo de desenvolver e divulgar a mediación en Galicia, cun equipo de mediadores para compartir experiencias, inquedanzas e coñecementos. A actividade dos citados mediadores, facilitando o diálogo en casos de conflitos entre dúas ou máis persoas, desenvólvese nos ámbitos familiar, escolar, sanitario, deportivo, veciñal, etc. e as representantes da asociación incidiron nas vantaxes deste tipo de acccións, en canto á rapidez, econonomía e eficiencia, entre outras.

Afemedia ofrece colaboración e cooperación a outras entidades públicas e privadas e ten a súa sede no Cantón de Molíns, 8-9 (entrechán), en Ferrol. As persoas interesadas en contactar coa asociación poden facelo a través do número de teléfono 698 157 584 ou do correo electrónico afemedia@afemedia.es. Tamén poden consultar información a través da páxina: www.afemedia.es.

Lea también

A Feira da Plantación de San Sadurniño bate a súa propia marca de participantes con 67 postos

A área de Desenvolvemento local acaba de publicar que serán 67 el número de postos  participantes …