Correos cambia a súa oficina de San Sadurniño para o Centro Municipal de Empresas

Nova oficiña en San Sadurniño – Concello de San Sadurniño

A oficina de Correos de San Sadurniño cambia de casa, pasando do local situado ao pé de Abanca ao seu novo emprazamento no Centro Municipal de Empresas. Persoal técnico da empresa leva varios días traballando para axeitar o mobiliario e as comunicacións co obxectivo de abrir este martes no seu horario habitual: de 8.30 a 10h. O cambio de lugar só será iso, un cambio de sitio, xa que os servizos que presta a oficina seguirán sendo os mesmos.

A sociedade estatal completa así unha reestruturación iniciada hai escasos dous meses para reorganizar o funcionamento interno das áreas de reparto das Somozas, Moeche e San Sadurniño. Así, as 6 traballadoras e traballadores que ata daquela tiñan como referente a oficina de San Sadurniño acoden agora ás oficinas técnicas de Narón e As Pontes, onde inician e rematan a súa xornada laboral.

Ademais, os cambios tamén lle afectaron ás zonas de reparto facendo unha nova redistribución dos lugares que atende cada unha das tres carteiras titulares de San Sadurniño, que agora dependen organicamente de Narón e non de Ferrol.

Porén, de cara aos usuarios e usuarias nada cambia agás a situación da oficina, que agora se encontra ao pé da escola infantil municipal. Polo resto en San Sadurniño o servizo funciona igual que sempre e poderán seguir facéndose os mesmos trámites que ata o momento, entre eles a retirada de correspondencia da que recibíramos aviso e a entrega dos denominados produtos básicos de Correos, como son as cartas normais, as tarxetas postais e os certificados. Tamén se mantén o horario de atención ao público: de 8.30 a 10.00h. de luns a venres.

A instalación de Correos y Telégrafos no Centro Municipal de Empresas obedece a unha solicitude da sociedade estatal presentada o pasado 25 de maio. Porén, o movemento no novo local empezou a notarse a semana pasada co trafego de mobiliario e de persoal técnico, que aínda hoxe pola mañá lle daba os últimos retoques ao espazo. A oficina é a máis grande do edificio -son case 30m² con acceso propio- e tamén a única que faltaba por ocupar.

Desta maneira, e pouco máis de 6 meses despois de abrir as solicitudes de espazo, o CME está xa ao 100% da súa capacidade.

Lea también

Efectivos del GES de Ortigueira localizaron a una mujer que estaba desaparecida

Efectivos del Grupo de Emerxencias Supramunicipal-GES de Ortigueira lograron localizar a una vecina de esta …