CF San Sadurniño e Aldebarán reeditan os seus campus de verán para a rapazada

Aldebarán en la Copa Príncipe 2017

O Club de Fútbol San Sadurniño está promocionando desde hai uns días as súas xornadas técnicas dirixidas a nenas e nenos de entre 4 e 16 anos, que se desenvolverán todos os sábados pola mañá entre o 15 de xullo e o 5 de agosto. O prezo son 8 euros por unha xornada solta e 20 euros para todo o programa. O profesorado da actividade ten titulación UEFA e traballará coa rapazada tanto cuestións relacionadas co control do balón como co xogo limpo e en equipo. As inscricións poden facerse chamando ao 669 638 282, ao 698 185 434 ou mandando un correo a sansaturnino1314@outlook.com. Hai máis información na web do equipo: www.cfsansa.es. Pola súa banda, o Aldebarán de Volei tamén propón o seu propio campus, aínda que neste caso para todas as mañás dos meses de xullo e agosto. O prezo mensual son 40€ e para apuntarse a este “Voleibol de verán” hai que chamar aos teléfonos 619 427 433, 653 034 755, 636 728 186 ou 676 284 190

Segundo informa o CF San Sadurniño, o campus abordará aspectos como a tecnificación, a coordinación motriz e o adestramento cognitivo co obxectivo de que a rapazada exercite o corpo pero tamén a estratexia, xunto con valores como o do xogo limpo, a empatía e o respecto. Ademais, todas as sesións incluirán unha parte final de piscina coa que potenciar a vertente lúdica do campus.

As xornadas deportivas desenvolveranse os sábados 15, 22 e 29 de xullo e 5 de agosto, entre as 10 e as 13.00h. As familias poderán levar os seus nenos e nenas en días soltos por un prezo de 8 euros ou ben reservar praza para todo o programa por 20 euros. O campus está aberto a rapazada desde os 4 ata os 16 anos, é dicir, ás categorías biberóns, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e, como novidade este ano, tamén á de cadetes.

A cargo deles e delas estarán catro adestradores titulados, dous coa acreditación técnica deportiva especializada de nivel 2 “nivel UEFA” -tal e como informa o equipo- e outros dous co nivel 0 de fútbol. Para apuntarse pódese chamar aos teléfonos 669 638 282 e 698 185 434, enviar un correo a sansaturnino1314@outlook.com ou ben pasar polo campo de fútbol de Currás, que será onde se imparta esta actividade.

“Voleibol de verán”

E o Club Voleibol Aldebarán tamén ten aberta unha convocatoria para os meses de xullo e agosto co obxectivo de promover o coñecemento e a práctica deste deporte entre a cativería. O “Voleibol de Verán” desenvolverase entre o 1 de xullo e o 31 de agosto no pavillón municipal dirixido a idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos. Os horarios van depender das preferenzas maioritarias das familias que inscriban os seus nenos e nenas, aínda que o que si xa está marcado é que a actividade se desenvolverá polas mañás.

Búscase que a rapazada aprenda as regras e o funcionamento deste deporte xunto coas técnicas de control do balón e as distintas posicións na pista. Todo concibido máis como un xogo que como un adestramento propiamente dito, co que se pretende que os nenos e nenas participantes vaian colléndolle gusto pouco a pouco ao volei.

A intención do Aldebarán é ir avanzando durante todo o mes e chegar a formar varios equipos coa cativería inscrita. Equipos que, ao remate do “Voleibol de Verán” se enfrontarán nun pequeno torneo previsto para a última xornada deste campus. O club tamén ideou os obradoiros como un xeito de captar novo talento para a súa canteira sen limitarse só a San Sadurniño, posto que esta actividade está aberta tamén a xente de fóra do municipio. O adestrador encargado da parte técnica será o xogador do primeiro equipo Pablo Gómez Parga.

O custe do “Voleibol de Verán” é de 40€ e para inscribirse abonda con chamar aos teléfonos 619 427 433, 653 034 755, 636 728 186 ou 676 284 190, ou a través do correo electrónico do club: aldebaranvoleibol@gmail.com.

Lea también

XLIV Memorial internacional Juan Varela-XXVII Trofeo de natación Concello de Ferrol

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey, ha presentado este miércoles 25 el XLIV Memorial internacional …