Os espectáculos musicais de Xoán Curiel e Najla Shami inaugurarán este domingo programa “Verde que te quero verde” en Xuvia

Instante da presentación – Concello de Narón

O vindeiro domingo, día 2 de xullo, darán comezo os espectáculos programados no marco do programa “Verde que te quero verde”. As concellerías de Cultura, Festas e Servizos, á fronte das que están os edís Marián Ferreiro, Mar Gómez e Ibán Santalla, respectivamente, coorganizan esta novidosa proposta para os domingos do mes de xullo, con entrada de balde e dirixidas ao público infantil e familiar. O ocio e a cultura van da man en todos os espectáculos, que se iniciarán ás 12.30 horas e cos que a maiores de ofrecer unha actividade diferente para as mañás dos domingos, daranse a coñecer varias zonas verdes da cidade. A primeira das propostas terá lugar na praza Irmáns Freire, no barrio de Xuvia, e correrá a cargo de Xoán Curiel e Najla Shami.

A música galega infantil, nesta ocasión a cargo de Xoán Curiel, un dos máximos expoñentes deste xénero na actualidade, abrirá a programación de “Verde que te quero verde”. Estamos no verán é o título do seu terceiro disco, adicado precisamente ao público infantil. Cunha dilatada traxectoria profesional, Curiel fará bailar a nenos e maiores coa súa música, recoñecida dentro e fóra de Galicia.

Unha vez rematado o espectáculo de Xoán Curiel chegará o turno de Najla Shami, unha cantora e compositora galega nacida en Santiago de Compostela. As culturas palestina, galega e arxentina marcan a súa traxectoria na música tradicional galega, cunha voz influenciada por estilos como o jazz, o funk e world music.

Os espectáculos do programa “Verde que te quero verde” continuarán o 9 de xullo no parque da rúa 25 de Xullo, no Alto, con Magín Blanco e TinoProyecttio como protagonistas da xornada. O día 16 será o turno de Inacio Vilariño e Telón Abierto, que estarán na rúa Campoamor, na Gándara e, por último, convocáronse os espectáculos As aventuras de mamá cabra, con Gloria Mosquera, e Blah! –continuación natural de El viejo caracol- na rúa Francisco Pizarro, en Santa Icía.

Este programa impulsado desde o goberno local naronés céntrase no ocio e na cultura pensados para público de diferentes idades, ao tempo que contribúe a difundir a cultura e a música galegas e tamén outros estilos e epectáculos, entre os asistentes.

Lea también

Ares acolle a 2ª Exposición Multidisciplinar de Fotografía

O Concello de Ares e a Asociación de Fotografía de Ferrolterra promoven conxuntamente no andar …