A Deputación da Coruña leva a doce concellos da provincia a exposición «Xigantes» da Fundación Exponav

 A Deputación da Coruña levará a doce concellos da provincia a exposición “Xigantes: Os petroleiros de Astano 1964-1982”, organizada cos fondos expositivos da Fundación Exponav de Ferrol.

Esta mostra itinerante responde ao compromiso expresado polo presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a súa visita á sede de Exponav de “dar a coñecer máis alá de Ferrol a importancia que ten o Museo da Construción Naval, o máis importante de España no seu ámbito”, así como “recuperar os anos dourados dos asteleiros ferroláns, repasando a través de maquetas, paneis, pezas, documentos e material audiovisual, algúns dos grandes fitos da  construción naval realizados en Astano entre 1964 e 1982”.

A itinerancia comezará o vindeiro 4 de xullo no concello de Laxe e percorrerá depois os concellos de Muxía, Ribeira, Muros, Corcubión, Negreira, Cariño, Oroso, Betanzos, Arteixo, As Pontes e Rianxo, onde rematará o ciclo en febreiro de 2018.

A exposición permitirá ao público coñecer en profundidade cómo foi o proceso de construción dos grandes buques petroleiros que forman parte da historia naval da comarca de Ferrol como o Al Andalus, Texaco, Arteaga, Carthagonova, Mónica María ou o Ocean Park. Xigantes de aceiro , algúns deles con máis de 300 metros de eslora, contruídos por encargo dalgunhas das principais compañías petroleiras de transporte marítimo do mundo no momento de maior esplendor da construción naval da nosa provincia, que convertiu á comarca ferrolana nun punto de referencia industrial do país.

Unha mostra de grandes dimensións

Dadas as grandes dimensións da mostra orixinal, que xa se exhibiu na sede de Exponav e en Fene, disporase un mínimo de paneis que se exhibirán en todos os concellos que participan no ciclo e unha serie de paneis complementarios que se habilitarán só naqueles recintos que conten con maior espazo expositivo.

Tamén se mostrarán un mínimo de dúas maquetas dos buques por exposición , documentos, pezas dos barcos e dous vídeos que explicarán polo miúdo os procesos de construción destes “xigantes do mar”.

As datas e lugares seleccionados para a itinerancia da mostra son:

–       Laxe. Museo do Mar. 4-16 de xullo de 2017

–       Muxía. Casa das Beiras. 18-31 de xullo de 2017

–       Ribeira. CC Rivas Lustre. 4 de agosto – 2 setembro de 2017

–       Muros. Pozo do Cachón. 5-7 setembro de 2017

–       Corcubión.Cárcere Vello. 19-30 setembro de 2017

–       Negreira. Casa da Cultura. 3-29 outubro de 2017

–       Cariño. Local Social. 2-19 novembro 2017

–       Oroso. CC. Fernado de Casas e Novoa. 21 nov-3 dec. 2017

–       Betanzos. Edificio Liceo. 5-19 decembro de 2017

–       Arteixo. Centro Cívico. 21 decembro- 14 xaneiro de 2018.

–       As Pontes. Mercado Vello. 16-29 xaneiro de 2018

–       Rianxo. Auditorio. 9-24 febreiro de 2018.

Lea también

Comités de Navantia acusan a la dirección de «bloquear» las negociaciones del convenio y el plan industrial

Los comités de empresa de los seis astilleros que la empresa naval pública Navantia tiene …