Refrescante comezo do «Verán Máis Alá» de Fene

Instante da actividade – Concello de Fene

Os nenos/as do Verán Máis Alá de Fene desfrutan dende hoxe e até o vindeiro martes dun programa de actividades acuáticas na piscina de Centieiras. O obxectivo é familiarizar ás crianzas co medio acuático e, en función das súas idades, aprender ou afianzar as habilidades acuáticas básicas (respiración, flotación, propulsión, zambullidas…) e os diferentes estilos de natación.

Por grupos e quendas, todos os participantes do campus de verán do Concello de Fene irán pasando ao longo dos vindeiros días pola piscina municipal onde, ademais, está prevista unha festa acuática para eles o mércores 12 de xullo.

Trala xornada inaugural de onte, o Verán Máis Alá do Concello de Fene afronta os seus primeiros días. Segundo informan dende a Concellería de Cultura, á marxe das actividades específicas organizadas no decurso do campus, a organización diaria de cada xornada distribúese nunha primeira parte -“Bos días” – na que as nenas e os nenos se poden incorporar en calquera momento durante a franxa horaria de 8.00 a 10.00 horas da mañá. Nese tempo, os/as participantes xogan en distintos recunchos (lectura, xogos de mesa, xogos de movemento e artes plásticas) baixo a supervisión do monitorado do campamento.

Na segunda parte da xornada -Máis alá!, que se desenvolve de 10.00 a 14.30 horas- os/as participantes realizan distintas actividades e obradoiros, entre os que sempre hai actividades físicas e deportivas, artísticas e xogos.
O “Verán máis alá” de Fene é un espazo lúdico-educativo non regrado no que se practica o galego como lingua de uso, amais de “promovérense contidos transversais que respondan aos problemas sociais e que teñan presente a formación en valores: educación para a paz e a non violencia, a tolerancia, a solidariedade, a igualdade social, a igualdade entre mulleres e homes, etc”.

Amais de fomentarse o uso do galego, no campus de verán do Concello de Fene, os nenos/as participan cada día nunha ou dúas actividades nas que se potencia o uso da lingua inglesa, “co obxectivo de mellorar as competencias comunicativas orais dos e das participantes”.

O “Verán Máis Alá” 2017 desenvolverase no colexio Centieiras de Perlío até o vindeiro 28 de xullo.

Lea también

Fene inicia na avenida de Tarrío o acondicionamento de beirarrúas

O uso de formigón impreso, que está a aplicar o persoal municipal, aumenta a durabilidade …