O Concello de Fene limpa o cauce urbano do río Cádavo

Río Cádavo – Concello de Fene

O río Cádavo ao seu paso por Fene e Perlío está sendo sometido desde hai uns días a distintos labores de limpeza do seu cauce, tanto dentro como fóra da auga. Os traballos desenvólvense entre a rúa Porto do Río e a parte baixa de Marqués de Figueroa centrados principalmente na retirada de lixo e maleza, pero tamén dos lodos acumulados nos últimos anos. A área de Medio ambiente agarda finalizar o proxecto en breve, logo dos retrasos que se produciron evitando alterar a colonia de parrulos que se asentou no río.

Tal e como asegura a titular do departamento, Mariela Aguilar, o equipo de limpeza está sendo «especialmente coidadoso» co traballo e de aí que cada día se fose actuando nas zonas libres da presenza das aves. «Temos que limpar o río, pero tamén asegurar que a fauna non se vexa afectada polos traballos«, explicou Aguilar.

Como queira que sexa, os labores van avanzando coa retirada de latas, botellas e bolsas de plástico, que compoñen a maior parte do lixo recollido da auga e das beiras. Ademais, tamén se está aproveitando para rozar a proliferación de vexetación e para eliminar especies de plantas invasoras.

Segundo a concelleira de Medio ambiente, estas actuacións de limpeza en profundidade «son as primeiras que se fan en anos» posto que, tal e como sinala Mariela Aguilar «ata agora só se eliminaban lodos para previr asolagamentos na zona das vivendas de Astano e da rúa río Cádavo«.

Pola súa banda, Juventino Trigo cualificou a intevención como «un primeiro paso na recuperación do Cádavo como eixo de vertebración ambiental do centro urbano«. O rexedor sinala que neste proxecto se investirán agora 5.700 euros con cargo a fondos municipais.

Actuación integral no río

Porén, Trigo tamén lembra que o Concello ten en carteira un plan integral de mellora ambiental e de accesibilidade do parque liñal, cifrado nuns 60.000 euros. De momento é só un proxecto que agarda por dispoñibilidade orzamentaria, pero a intención municipal é adecentar o tramo entre a rúa da Fraga e a rúa San Salvador, onde o río discorre flanqueado por terreos privados.

Na zona proponse facer previamente unha limpeza dentro e fóra da auga rozando as beiras ata 4 metros e retirando maleza do cauce co obxectivo de evitar rebordamentos por causa das enchentes en puntos como a avenida do Concello e a a propia rúa San Salvador.

Alén destes traballos de conservación tamén se contemplan outros relacionados coa mellora da accesibilidade e a seguridade do contorno. Entre eles o repaso do enlousado dos camiños para facilitarlle o percorrido a persoas con mobilidade reducida ou que vaian en cadeira de rodas, a colocación de varandas de protección en zonas perigosas e a comunicación das sendas do parque liñal cos espazos de descanso onde hai bancos instalados.

No tocante ao equipamento o estudo recolle a necesidade de repoñer elementos do mobiliario urbano -bancos, papeleiras, etc.- e propón substituír as vellas lámpadas de vapor de sodio por outras con tecnoloxía LED, coas que se conseguiría máis luz, de mellor calidade e cun considerable aforro en consumo eléctrico.

«É un proxecto ambicioso e moi necesario para Fene. O Cádavo é unha das nosas grandes riquezas e temos que mirar por el como elemento de alto valor ambiental e social. Levamos moitos anos de costas ao río e vai sendo hora de darlle a cara para poñelo en valor«, dixo o rexedor.

Lea también

La formación en suelo pélvico y su gestión para prevenir patologías llega a Ortigueira en mayo

Tendrá lugar el viernes 24 en el Local Social de San Adrián de Veiga y …