San Sadurniño saca a contratación proxectos de mellora viaria por valor de 220.000 euros

Vilaverde – Concello de San Sadurniño

A prensa diaria deste pasado sábado publicaba nas súas páxinas locais o anuncios de licitación de tres proxectos de obra para a reparación de máis de 10 quilómetros da rede viaria municipal. O importe global ascende a 220.210,5 euros , cos que se farán melloras integrais en distintos puntos de todas as parroquias do municipio. Os traballos fináncianse con cargo ao POS+ Plan único de Concellos promovido pola Deputación da Coruña e as empresas poderán empezar a presentar propostas unha vez que os anuncios saian tamén no Boletín Oficial da Provincia e no Perfil de Contratante municipal. A partir de aí terán 13 días naturais para achegar as súas ofertas.

O primeiro proxecto denomínase “Pavimentación dos camiños da Fraga-Penalonga-AC861, o Cancelo-Vilaverde-Brame e outros” e está cifrado en 110.478 euros. Unha contía coa que se lle dará un repaso a 1,6 km de pista municipal que vai desde A Fraga, en Ferreira, até a estrada vella das Pontes, xa en Igrexafeita.

Porén, con cargo a este programa tamén se reparará en Lamas o vial que vai desde a AC-862 no Cancelo ata Brame pasando por Vilaverde, sobre unha distancia de 720 metros antes de conectar de novo coa estrada de Ortigueira. Os “outros” do contrato de obra son limpezas de cunetas e outras reparacións: 650 m. entre a Sabanda e A Fraga, amaño doutros 1.070 m. desde A Fraga ata Cabanela e 250 m. do tramo que une Cornide co paseo fluvial.

No caso do proxecto “Pavimentación dos camiños A Veiga, As Calvelas, A Rega e outros”, arranxaranse varias pistas e accesos a núcleos en Bardaos, Santa Mariña do Monte e San Sadurniño. En concreto, no lugar da Areosa (155 m.), das Calvelas a Corripa (450 m.), na Pena (345 m.), na Rega – 1.070 m., en boa parte en paralelo á vía do tren-, no Cochón (315 m.) e na Veiga (705 m.).

O importe do proxecto ascende a 58.449 euros e, igual que nos outros, servirá para repoñer firmes e limpar cunetas.

O terceiro e último plan que sae agora a contratación chámase “Pavimentación dos camiños do Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó e outros” e comprende a reparación de pistas en Naraío, San Sadurniño e Ferreira. Así, en Naraío amañarase a pista que une Riolimpo con Vilarbó (330 m.), a que vai desde o cruce da Cernada ata Lourido e tamén un camiño secundario deste núcleo (700 m. en total). Na zona de Ferreira tocaralle á pista da Chabola (300 m.) e desde o Xestal ata as Filgueiras (1.100 m.). En San Sadurniño intervirase na reparación de 80 metros de pista que quedaban pendentes en Cornide. O importe de licitación das obras fixouse nos pregos en 51.282,26 euros.

Sumando as contías e as distancias, atopamos que San Sadurniño sacará a contratación de forma inminente proxectos por valor de 220.000 € cos que se amañarán máis de 10 quilómetros de vías municipais. E non serán os únicos. Cómpre lembrar que no POS+ tamén se incluíron outras obras que se executarán na medida en que se produzan baixas nas contratacións, que está en marcha o proceso de licitación da urbanización do Enxerto e que este ano tamén se contratarán obras con cargo ao plan de camiños de Medio Rural.

En calquera caso, agora o que toca é contratar estes tres proxectos. Para acelerar a tramitación o Concello dará un prazo de 13 días naturais para presentar as propostas. Un prazo que comezará a contar tan pronto como se publique a convocatoria no BOP e no Perfil de Contratante, seguramente antes de que remate esta semana.

Lea también

La Xunta autoriza la consolidación del edificio del antiguo cine Zárate, en Mugardos

La Comisión Territorial de Patrimonio Histórico Galego de A Coruña, dependiente de la Consellería de …