O “Impact Weekend Narón 2017” desenvolverase esta fin de semana no pavillón polideportivo Campo da Serra

Cartel do evento – Concello de Narón

O pavillón polideportivo Campo da Serra, en Santa Icía, acollerá esta fin de semana o “Impact Weekend Narón 2017”, organizado polo Concello e a Asociación Cultural Impact. Esta convocatoria, na que se estima a participación duns douscentos xogadores, comezará mañá pola tarde e continuará o sábado e o domingo en horario de mañá e tarde. Trátase dun evento de ocio alternativo, dirixido ao público familiar e no que participarán diferentes asociacións locais e procedentes da Coruña, tal e como indicaron desde a organización. Os torneos das diferentes modalidades de cartas compaxinaranse con outras partidas, exposicións, talleres de xogo rápidos, clásicos, de novidades e para o público infantil.

A programación iniciarase o mañá a partir das 16.30 horas, con torneos de Magic The Gathering (Modern e Legacy) ata as 22.00 e tamén durante ese período haberá probas de Trials Legacy para o Impact Returns Legacy que se celebrará o sábado. Tanto na xornada do 22 como do 23 os torneos comezarán a disputarse ás 9.30 horas e haberá partidas e exposicións ata o mediodía para retomar as actividades pola tarde, de 16.30 a 21.00 horas.

O persoal da asociación Gaikai amosará aos asistentes actividades relacionadas coa cultura asiática; a organización Hama divertirá a pequenos e maiores coas súas inxeniosas propostas; Mesa Cuadrada aposta polos Wargames, cunha segunda edición do Torneo de X-Wing, xa celebrado o pasado ano e que resultou todo un éxito, tal e como indicaron desde a Asociación Cultural Impact. Así mesmo, sumáronse a esta convocatoria Retro Galaico, cun importante desplegue de consolas e xogos retro que poderán probar os participantes neste evento; a asociación Brumas estigias e Júpiter juegos, que proporá xogos de mesa para toda a familia e de iniciación ao Magic The Gathering.

A variedade de propostas inclúe esta fin de semana un obradoiro de pintado de figuras –Pintura Tabbletop-, a cargo de Norberto Álvarez, e haberá tamén outros de Origami –Gaikai-, Hama Beads, de xogos rápidos –Jungle Speed Bar Bestial Dooble, Brick Party, CVirus…-, infantís –Dino Race, Fila Filo, Océanos…-, e tamén de xogos clásicos –Catan, Carcassine, Munchkin…- e de novidades –Cartagena, Epic, Hardham…-. O sábado e o domingo pola tarde desprazarase ao pavillón Campo da Serra a cosplayer Kate Key.

Unha das principais novidades deste ano é que se incrementa o protagonismo de toda a familia neste evento, para o que se animou a participar no mesmo a asociacións dirixidas ao público infantil, según destacaron desde a organización, convidando a asistir á veciñanza de Narón e tamén doutros concellos.

Lea también

“Neda a petiscos” arranca este fin de semana con las primeras degustaciones de dulces y empanadas locales

El Ayuntamiento suministrará a los establecimientos de hostelería participantes los productos que servirán gratis con …