San Sadurniño licita por 220.210 euros as obras financiadas polo Plan Único da Deputación

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación das tres obras que financia o Plan Único da Deputación en San Sadurniño. A institución provincial destina un total de 220.210 euros ao concello, para financiar o 100% das obras de pavimentación e mellora dos camiños rurais nas parroquias de Igrexafeita, Lamas, Santa Mariña do Monte, Naraío, Ferreira e San Sadurniño.

O concello de San Sadurniño presenta unha gran dispersión de poboación con multitude de pequenos núcleos de poboación, polo que resulta especialmente necesario que os camiños estean en perfecto estado para asegurar as conexións e un acceso adecuado ás vivendas das zonas rurais.

Estes traballos de conservación e mellora dos viais municipais realizaranse a través de tres proxectos. O primeiro deles, dotado con 110.478 euros inclúe as reparacións nos camiños de A Fraga-Penalonga-AC-861, O Cancelo-Vilaverde-Brame, Cabanela – A Fraga, A Fraga – Sabanda e Cornide – paseo fluvial. En total, actuarase en máis de 4.500 metros de viais municipais.

A Deputación tamén financia con 58.449,85 os traballos nos camiños de A Veiga, As Calvelas, A Rega, A Pena, Areosa e O Cochón, que suman un total de 3 quilómetros.

Por último, licítase por 51.282 euros a reparación de máis de 2,5 quilómetros de viais nas estradas de Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó, Cornide e A Chabola.

As obras incluirán a limpeza e reperfilado das cunetas, a reparación das fochas e os imperfectos no firme, e a aplicación dunha nova pavimentación consistente nun rego de adherencia e unha capa de rodadura a base de mesturas bituminosas en quente.

Así mesmo, realizaranse outros traballos complementarios naquelas zonas onde sexa necesario, coma a limpeza ou desatasco das tajeas, o mantemento e formación de accesos ás parcelas e a mellora da sinalización.

Preto de 113.000 euros para mellorar os camiños de San Fiz, en Monfero

O Boletín Oficial da Provincia tamén publica hoxe a licitación dunha obra financiada polo Plan Único no concello de Monfero. Neste caso, a Deputación destina un total de 112.936,10 euros para a mellora da capa de rodaxe de camiños municipais na parroquia de San Fiz.

As obras consistirán na limpeza da plataforma mediante unha varredora mecánica, a aplicación de mestura asfáltico en quente e a formación e limpeza de cunetas nos camiños de Casal do Salgueiro – carreteira de Castiñeiro Vilamateo, Santo Andrés de Ribeira, Xestal-Villarboi, Areosa, Guitiriz, o cruce das estradas de San Julián de Arca e Campo de Abeledo, e os accesos a Rebordelo e a Acea de Abaixo.

Así mesmo, o proxecto inclúe a creación dun novo tramo de estrada en Gotes, cunha lonxitude de 40 metros e un ancho de 4. As obras comezarán coa escavación con martelo pneumático do terreo e a formación dun muro de formigón para contención. Posteriormente, formarase o novo firme cunha base de pedra machacada, estendida e compactada, dobre rego asfáltico e mestura bituminosa en quente.

Lea también

A Feira Cabalar do 23 de abril encherá Moeche de milleiros de visitantes

A Asociación Ecuestre 23 de Abril, organizadora do evento, premiará os animais que mellor desempeño …