A piscina municipal de San Sadurniño benefíciase do tirón da nova área recreativa de Currás

Curso na piscina – Concello de San Sadurniño

Comezamos o verán con sol e moitísima calor. Agora a cousa vai e vén, con días entoldados que se alternan con raiolas aventadas, orballos e xornadas de recalmón. Un verán galego como adoitan ser todos os veráns galegos. Para eses días en que manda o sol, un dos refuxios máis solicitados está sendo a piscina municipal. Mellor dito, toda a área recreativa de Currás remodelada recentemente polo Concello. De feito, segundo sinala a concelleira de Deportes, Sabela Cinza, a transformación da zona «foi un revulsivo para atraer visitantes e tamén persoas usuarias da piscina«, que este ano está rexistrando novas marcas en canto a entradas, número de abonos e inscricións nas actividades da mañá. En total hai arredor de 250 persoas que se benefician dalgunha das opcións de abonamento e son máis de medio cento os nenos e nenas que acoden aos cursos de natación. Tamén se confirma o bo momento da instalación, con 1.000 entradas vendidas no primeiro mes de funcionamento.

As sesións para a rapazada desenvólvense os luns, mércores e venres concibidas como algo a medio camiño entre o xogo e a aprendizaxe. Este ano tamén foi necesario facer catro grupos -repartidos entre a prenatación, a iniciación e o perfeccionamento- e ampliar o horario global da actividade para acomodar a alta demanda.

As mañás en que hai cursos comezan co grupo de perfeccionamento -10.45 a 11.30h.- ao que, en xeral, acoden os nenos e nenas de maior idade que xa saben nadar. Nas clases melloran a súa técnica respiratoria e aprenden distintos estilos, aínda que tamén lles queda tempo libre para choupar como queiran.

Ao remate da sesión de perfeccionamento arrancan tres quendas de iniciación, a primeira para rapazada de 7 a 12 anos, a segunda para a de 5 a 7 e a terceira para a cativería de 3 e 4 anos, todas elas de 45 minutos de duración. Neste caso búscase que os nenos e nenas teñan autonomía na auga perdéndolle o medo -nunca o respecto- para que, antes ou despois ao longo deste curso, aprendan a nadar con soltura.

A última quenda da mañá, de 13.15 a 14.00h. está reservada para as criaturas máis pequeniñas. Con elas trabállase a adaptación ao medio acuático, aínda que é habitual que aos poucos días as nenas e nenos teñan autonomía co churro e os manguitos.

Este ano o departamento de Cultura e Deportes rexistrou un total de 52 inscricións para os cursos de natación, a maioría delas no apartado de iniciación. Son dez máis que o ano pasado e confirman un crecemento que tamén se deixou notar no número de abonos para os baños libres de pola tarde. No que vai de temporada retiráronse 51 abonos nas distintas opcións familiares e 19 individuais, que achegan a 250 as persoas habituais da piscina que optan por este método de aforro.

Atendendo ao número de accesos individuais, os datos indican que desde a apertura do vaso o pasado 19 de xuño se venderon 1.000 entradas. Un dato cualificado pola responsable de Deportes, Sabela Cinza, como «moi positivo» se temos en conta que, aínda non chovendo, no último mes «houbo moitos días de calor, pero tamén moitos en que o ceo estivo cuberto«. Para a concelleira o aumento do número de persoas usuarias «ten moito que ver» coa recente remodelación de todo o contorno de Currás: «aumentamos o número de merendeiros e o equipamento de lecer, algo que a xente agradece e que tira moito polas familias. Agora hai moita xente entre familias, grupos e mocidade que aproveitan para vir pasar o día na área recreativa e, se está bo, tamén para bañarse na piscina«.

A temporada da piscina municipal pechará o 17 de setembro. Durante o que resta de xullo e todo o mes de agosto as instalacións estarán abertas para baños libres desde as 15 até as 21 horas pola semana e de 12 a 21h. durante as fins de semana e días festivos. Ademais, a cafetería abre desde as 10 da mañá ata a hora en que pecha o vaso.

Lea también

Valdoviño y Aspaneps favorecen el reciclaje de tapones de plástico

El Ayuntamiento de Valdoviño y Aspaneps, Asociación de Padres de Niños con Problemas Psicosociales,  inician …