Ampliación do prazo para inscribirse nunha acción formativa de “Peixeiro/a” convocada a través do Programa Municipal de Mocidade 2017

A concelleira de Mocidade, Natalia Hermida, anunciou a ampliación do prazo para inscribirse nunha acción formativa de “Peixeiro/a” convocada a través do Programa municipal de Mocidade 2017. A edil naronesa recordou que os destinatarios son persoas desempregadas, empadroadas en Narón e de entre 18 e 35 anos, ambas idades incluídas. A ampliación do prazo convócase para cubrir oito vacantes, do total das quince prazas ofertadas, tal e como explicou a edil naronesa. O formulario a cumplimentar –instancia xenérica- está dispoñible na páxina web do Concello –http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/servizos_municipais– e no Rexistro Xeral do Consistorio, e poderá entregarse ata o vindeiro 28 de xullo no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 8.30 a 13.00 horas.

A acción formativa de “Peixeiro/a” enmárcase no ámbito de iniciación profesional. As sesións teóricas impartiranse nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e o programa tamén contempla prácticas en obradoiros de peixería e empresas. Esta acción formativa ten unha duración total de 400 horas e impartirase entre o 2 de agosto e o 30 de novembro deste ano, en horario de 9.00 a 14.00 de luns a venres.

Os contidos do curso abordarán diferentes temas, entre eles: Prevención de riscos laborais; Hixiene alimentaria; Lexislación aplicable; Atención ao público e adaptación ao posto de traballo e Cortes básicos e identificación de especies comerciais.

Para obter máis información pódese consultar a páxina web do Concello e tamén contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (ext. 1111).

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …