O Padroado da Cultura de Narón deu a coñecer unha interesante programación do último cuatrimestre

O Padroado da Cultura de Narón deu a coñecer a programación do último cuatrimestre de este ano, que contempla un total de dezaoito espectáculos de teatro, música e danza, aos que se sumarán outras propostas específicas para o público infantil.

Trátase dunha programación a través da que se ofrecen ao público unha serie de funcións enmarcadas en varios xéneros culturais, diversificando as propostas para adaptarse aos gustos de diferentes tipos de público e coa presenza de actores e actrices de primeira liña no panorama nacional, como Lola Herrera, Juanjo Artero ou Carmen Machi, tal e como se recalcou desde o Padroado da Cultura, do que é vicepresidenta a edil Marián Ferreiro.

Inauguración cuncha acústica

Unha das propostas, o vindeiro 13 de outubro a partir das 20.30 horas é a actuación da Orquesta Sinfónica de Galicia, que dará un concerto co que se inaugurará oficialmente a cuncha acústica do Pazo da Cultura. O prezo das entradas para este espectáculo é de 12 euros para o público xeral e de 8,40 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados. O despacho de billetes para todos os espectáculos será de luns a venres, de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas e os sábados de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas na billeteira do Pazo.

En setembro

La autora de Las Meninas, das compañías Focus/ Centro Dramático Nacional, será a obra teatral encargada de inaugurar este novo programa, o 24 de setembro a partir das 19.00 horas no Pazo da Cultura. Ernesto Caballero é o autor e director desta peza, cun elenco formado por Carmen Machi, Mireia Aixalá e Francisco Reyes. As entradas teñen un prezo de 18 euros para o público xeral e de 12,60 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante.

Tamén no mes de setembro voltará ao Pazo a compañía Pentación Espectáculos, que porá en escena a obra La velocidad del otoño. Lola Herrera e Juanjo Artero son os protagonistas desta obra teatral que se representará o 30 de setembro a partir das 20.00 horas. Neste caso, o prezo das entradas é de 20 euros para o público xeral e de 14 para o resto.

En outubro

O teatro será de novo o protagonista da programación do mes de outubro. O día 7 representarase a comedia Nacidas libres, a cargo de Contraproducións SL, a partir das 20.00 horas. Cándido Pazó é o autor do texto, que nesta ocasión dirixirá Cristina Domínguez e con Susana Dans, Casilda Alfaro, Mónica Camaño e Rocío González entre o elenco. O prezo de venda de entradas é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante.

O teatro clásico e contemporáneo teñen tamén un espazo propio na programación de finais de ano do Padroado da Cultura, coa representación das obras La vida es sueño, de Teatro del Temple e coproducida polo Padroado da Cultura de Narón –o 14 de outubro ás 20.00 horas- e 1Deseo, de Inconstantes Teatro –o 28 de outubro ás 20.00-. En ambos casos o prezo das entradas é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante.

En canto á música, convocáronse os concertos do violinista Ara Malikian –o día 21 de outubro ás 20.00 horas e para o que as entradas están esgotadas desde hai un par de meses- e da orquestra galega de música folk Sondeseu, integrada por corenta e cinco músicos -en formación e profesionais-, que presentará no Pazo o seu novo proxecto, titulado Beiralúa, con fermosas melodías con sabor a tradición e modernidade. Esta última cita terá lugar o 8 de outubro ás 19.00 horas e as entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para o resto.

En novembro

Con teatro clásico iniciarase a programación de novembro, concretamente coa obra La judía de Toledo, de CNTC, Micomicón e A Priori. Trátase dun complexo texto de Lope de Vega, versionado por Laila Ripoll, que se porá en escena o día 4 a partir das 20.00 horas. O prezo das entradas é de 18 euros para o público xeral e de 12,60 para o resto.

Na xornada do  día 12 ás 19.00 horas será o turno dos contadores Quico Cadaval e Celso Sanmartín, protagonistas dun espectáculo de narración oral: Os contos de Joselín.

Así mesmo, a compañía Teatro de la Ciudad estará no Pazo o 18 de novembro, coa obra La Ternura, Premio Max 2016 á Mellor Produción Privada de Artes Escénicas, que se representará ás 20.00 horas. As entradas para esta comedia romántica teñen un prezo de 18 euros para o público xeral e 12,60 para o resto.

O último espectáculo dese mes pertence tamén ao xénero teatral. Nesa ocasión, o 25 de novembro será o turno de Ilmaquinario Teatro, que representará a obra Resaca, a partir das 20.00 horas. As entradas custan 9,50 euros para o público xeral e 6,65 aos abonados, desempregados, persoas con carné xove ou de estudante.

En decembro

Os espectáculos programados desde o Padroado da Cultura no mes de decembro comezarán o día 1, coa representación de Goldi Libre (autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González), unha proposta de teatro-documento sobre o movemento da insubmisión. A cita será a partir das 20.30 no Pazo e as entradas custan 9,50 euros para o público xeral e 6,65 para o resto.

O día seguinte, 2 de decembro, a compañía Marco Vargas&Chloé Brûlé traerá a Narón Libertino, un espectáculo de danza flamenca e española que aborda o tema da liberdade. Dará comezo ás 20.00 horas e as entradas teñen un prezo de 12 euros para o público xeral e 8,40 para o resto.

Outra das función de final deste ano será o ballet El Cascanueces, coa compañía Ballet Internacional Ruso de Sergei Radchenko. Novas producción de clásicos atemporais compoñen o repertorio desta proposta, que será o 15 de decembro a partir das 20.30 horas no Pazo e para o que as entradas teñen un prezo único de 22 euros.

O góspel e a música tradicional galega darán continuidade á programación do Padroado. Na xornada do 22 de decembro estará no Pazo, a partir das 20.30 horas, Joyful Gospel Choir, co espectáculo Érase una vez Nueva Orleáns. Neste caso as entradas custan 12 euros para público xeral e 8,40 para abonados, desempregados, persoas con carné xove ou de estudante e menores de 14 anos.

O día 23 será o turno de The Tambourine Man, con Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Trátase dunha cita na que se amosa unha renovación da música popular galega e cun enfoque vangardista. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para o resto.

A última das propostas é de novo teatral. A Canción do elefante, de Redrum Teatro, poderá verse no Pazo o día 30 de decembro ás 20.00 horas. Un drama cun elenco entre o que está o actor Ernesto Chao e dirixido por Alex Sampayo. As entradas, neste caso, teñen tamén un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para o resto.

o Padroado da Cultura destacaron a calidade de todas as funcións programadas e animaron á veciñanza de Narón e comarca a asistir ás mesmas, gozando dunha serie de propostas enmarcadas en xéneros pensados para todo tipo de públicos.

Lea también

A Biblioteca municipal de Narón acolle a exposición “Anacos”

A planta soto da Biblioteca municipal de Narón acolle ata o vindeiro 6 de abril …