A Xerencia Integrada de Ferrol rexistrou 102 incidencias coa seguridade no paciente no primeiro semestre

A seguridade do paciente e a calidade da atención é a base do programa específico do Sistema de Notificación e Aprendizaxe para a Seguridade do Paciente (SiNASP) co que conta a Xerencia Integrada de Ferrol para minimizar os posibles riscos que se poidan producir cando un paciente acude a un centro sanitario. Este sistema recibiu un total de 102 notificacións realizadas polos profesionais durante o primeiro semestre do ano 2017. SiNASP permite a comunicación e o rexistro de incidentes (que non chegan ó paciente ou non lle chegan a provocar dano), ou do que se denominan eventos adversos (cando teñen producido dano ó paciente); en definitiva, de calquera circunstancia ou erro que afecta, ou podería chegar a afectar, ós usuarios e usuarias dos centros sanitarios.

A Xerencia Integrada de Ferrol ten activadas unha serie de ferramentas de emprego ordinario para que se cumpran uns criterios básicos e garantir que non haxa riscos para as persoas que acudan a un centro sanitario (identificación incorrecta de volantes ou mostras, medicación errónea, ou infeccións, entre outras). Ferrol xa traballa dende hai anos cos estándares de calidade de coidados para a seguridade do paciente do Sistema Nacional de Saúde, a través do proxecto Séneca; e tamén actúa, nos seus obxectivos propios anuais, en base ás liñas estratéxicas que nesta materia ten o Servizo Galego de Saúde. Para materializar todas estas liñas, trabállase segundo tres piares, o control e auditoría de indicadores de seguridade dende a Unidade de Calidade; as xuntanzas e actividades que coordina o Núcleo de Seguridade do Paciente co que conta esta Xerencia; e a xestión semanal de notificacións a través do Sistema de Notificación e Aprendizaxe para a Seguridade do Paciente.

Precisamente, o Núcleo de Seguridade publicaba hai uns días estes datos, dando conta ós compañeiros e compañeiras das incidencias para subliñar a importancia de detectalos, notificalos e analizalos para darlles solución e evitar novas incidencias futuras.

SiNASP, Notificación de Incidencias

Un dos elementos para medir os posibles riscos e ofrecer unha resposta ós mesmos é o Sistema de Notificación e Aprendizaxe para a Seguridade do Paciente do Ministerio de Sanidade. O SiNASP é unha desas ferramentas coas que se conta para detectar e controlar aquelas actividades que de algún xeito poden chegar a afectar directa ou indirectamente ó paciente. O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi dos primeiros en activar este sistema, no ano 2011, e foi incorporando progresivamente centros notificadores; na actualidade, SiNASP permite a comunicación e o rexistro de incidentes e eventos adversos e mellora a seguridade do paciente a partir da análise de situacións, problemas e incidentes, do contexto no que teñan ocorrido, dos riscos latentes preexistentes, e dos factores que contribuíron á súa aparición, para poder, posteriormente, promove-los cambios necesarios para que isto non suceda de novo. Prodúcese un seguimento exhaustivo da cuestión reseñada.

A énfase principal do sistema está na aprendizaxe a partir desa análise; a comunicación ou o rexistro de casos non é unha finalidade en si mesma. Os e as profesionais, a través da Intranet (espazo electrónico propio dos profesionais), poden rexistrar calquera cuestión que tivera posto en perigo á ou ó paciente (erros de medicación, actuacións incorrectas, documentación ilexible…), isto é, todo aquilo que non está previsto que suceda, e provoca ou podería chegar a provocar un problema engadido.

Notificación voluntaria e anónima para mellorar

A notificación é voluntaria, non punible, e anónima; e a información é totalmente confidencial e relativa só ó feito, sen referencias persoais. Profesionais no centro ocúpanse de filtrar tódalas notificacións que se tipifican e organizan. O colectivo que máis notifica é o de Enfermaría (o 44% das notificacións), seguidos polos médicos (o 39%), e a Farmacia un 8%. Por outra banda, o 86% das incidencias ou ben non chegaron ó paciente, solucionáronse antes, ou non implicaron dano.

Os incidentes máis frecuentes son os que teñen que ver coa medicación (25 das 102), coa comunicación (19 do total), coas probas diagnósticas (16 do total) ou coa identificación do paciente (tamén 16 do total). Tomáronse medidas na totalidade das notificacións. Polo que, aínda non chegando a causar dano, se detectaron problemas que se puideron solventar, e evitar que se repetiran.

Coñecer estas incidencias fai que a Xerencia tamén potencie tódalas ferramentas necesarias para cambiar esa situación emprendendo accións a diversos niveis ben a través de mensaxes, alertas ou accións formativas que reforzan as prácticas seguras, ou ben, dun xeito máis xenérico, cando as incidencias detectadas requiren a elaboración de novos protocolos de actuación dentro da organización. Actualmente, existen diversos proxectos nos que participan profesionais a través de grupos multidisciplinares que melloran a calidade e a seguridade na atención dos pacientes.

Núcleo de Seguridade

A coordinación e a activación desas ferramentas é unha das actividades que desenvolve o Núcleo de Seguridade de Pacientes e de Xestión de Riscos Clínicos, un equipo multidisciplinar de profesionais de diversas categorías e ámbitos. Promove a participación das e dos profesionais sanitarios na xestión da seguridade dos pacientes e a xestión de riscos clínicos no ámbito da Xerencia ferrolá a través da identificación, monitorización, avaliación, análise e tratamento dos riscos sanitarios; e a implementación de prácticas seguras para mellorar a seguridade.

Lea también

Inauguración en Ferrol de la «II Festa do Marisco de Semana Santa»

Se celebra hasta el próximo domingo bajo una carpa en el muelle ferrolano de Curuxeiras …