San Sadurniño abre o prazo de inscrición na IX Feira Rural

Edición anterior da feira – Concello de San Sadurniño

A novena edición da Feira Rural de San Sadurniño volverá ser o último sábado de agosto -o día 26- un dos grandes referentes da comarca para mostrar todo o potencial que ten o medio rural, combinando para iso a esencia dos mercados de toda a vida coa presentación de experiencias que apostan pola sustentabilidade. O evento que se celebra no contorno do arboreto da Cortiña contará con exposicións permanentes, obradoiros, exhibicións, co tradicional concurso de froita do país e tamén co mercado local. Os postos de alimentación, artesanía e segunda man que queiran reservar espazo poden facelo desde xa presentando a solicitude debidamente cuberta e aboando a cota de participación: 3 euros por cada expositor de produtos agroalimentarios, artesanía e 5 para viveiros e maquinaria. As entidades sen fins de lucro e os postos de segunda man están exentos destas cotas.

As contías veñen reflectidas no regulamento de participación na feira anexo á folla de inscrición que se poderá presentar no rexistro municipal, por correo postal -Lugar do Casal nº 16, 15560 San Sadurniño- ou ben enviala ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. A data límite para apuntarse é o 23 de agosto ás 14.00h. O listado de postos admitidos publicarase na web municipal o día 24.

As cotas de participación deben pagarse directamente na Casa da Cultura, onde tamén é posible entregar a ficha de inscrición, ou ingresalas na conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059 indicando no concepto “Inscrición Feira Rural”. O día da feira será necesario presentar o resgardo do ingreso para acceder ao recinto. Recordamos os prezos: 3 euros para os postos de artesanía que, segundo a normativa do evento, poderán solicitar ata un máximo de 6 metros liñais; e 5 euros para os viveiros de planta e as exposicións de maquinaria, sen que existan neste caso límites ao espazo que poden pedir. Os postos de segunda man e as entidades sen fins de lucro están exentas da cota aínda que, iso si, neste último caso terán que presentar copia dos seus estatutos a menos que xa o fixeran con anterioridade para calquera convocatoria municipal.

O mercado arrancará a primeira hora da mañá distribuído polo arboredo de especies autóctonas da Cortiña. Na carpa principal poderán atoparse alimentos de calidade e tamén a froita que se presente ao concurso organizado polo Concello e a AGFA do Eume. As inscricións cumprirá facelas o propio día e o certame desenvolverase atendendo aos criterios de puntuación establecidos nas bases acordadas entre esta entidade e o departamento municipal de Desenvolvemento Local.

O programa de actividades paralelas está xa pechado. Nel volverá haber degustación de queixos e catas de viño e sidra, tamén se desenvolverá a tradicional copa de agility canino e organizaranse obradoiros para os nenos e nenas, un deles centrado na elaboración de marmeladas e o outro arredor do mundo das abellas en colaboración coa Casa do Mel de Goente.

Ademais tamén están previstas dúas sesións de iniciación á hípica para maiores e rapazada, visitas guiadas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos -situada ao pé da feira- e ao colmear didáctico xestionado pola AGA Ferrolterra-, teatro ambulante co Aturuxo de Melpómene, paseos en kaiac polo Xubia, xogos xigantes e os xa tradicionais enxeños solares dos Picos do Sol.

A feira celebrará dous sorteos entre o público asistente e contará cun espazo para xantar por un prezo módico. Outra opción son os restaurantes da zona -o mesón A Granxa e o mesón o Ferrador son os máis próximos, aínda que tamén temos Riboira en Lamas e Os Cazadores en Santa Mariña-, polo que cómpre chamar con tempo de adianto para reservar. Tamén existe a posibilidade de traer a merenda e aproveitar algún dos recunchos de sombra á beira do Xuvia onde, ademais, hai tres mesas fixas: unha ao pé da estatua da deusa Navia e dúas no contorno da presa de Mera.

Lea también

Cumpleaños centenario de Dª María Mira en Ortigueira

Durante la mañana de este lunes 15 de abril, la concelleira de Saúde, Cultura e …