Fene, Ares, Mugardos e A Capela denuncian recortes de persoal na atención sanitaria de urxencia

Representantes dos gobernos municipais de Fene, Ares, Mugardos e A Capela reuníronse a última hora deste onte para avaliar a decisión do SERGAS de suspender as quendas de reforzo para urxencias nos domingos e festivos en varios puntos de atención continuada da comarca, entre eles o de Fene. Este PAC é o de referenza para os catro municipios que, de acordo coa medida adoptada pola Xunta, quedaría con só un facultativo para atender o centro e as saídas. Os concellos opóñense e por este motivo acordaron solicitar unha xuntanza urxente coa Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol.

Tal e como denuncian varios facultativos, o SERGAS tería eliminado «en plena temporada estival» a chamada quenda de reforzo nos puntos de atención continuada de Ferrol, Narón, Fene e Pontedeume. Algo que, segundo o persoal e o sindicato, se fixo «sen previo aviso«.

A titular da área de Benestar, Mari Carmen Martínez, explica que, no caso de Fene, «só habería un médico ou unha médica para facerse cargo da asistencia no centro de saúde e nos domicilios durante as mañás dos domingos e festivos, en vez dos dous facultativos habituais nos últimos anos«.

A medida cualifícase como «un novo recorte» na calidade asistencial á cidadanía que, tal e como sinala Martínez «é aínda máis grave» se se ten en conta que o PAC de Fene tamén atende nos festivos as urxencias da Capela, Ares e Mugardos «que ven multiplicada a súa poboación no verán e que, polo tanto, tamén requiren un retén sanitario reforzado. Non é admisible que o centro quede sen médico por causa dunha saída urxente«.

Tal e como se puxo de manifesto na xuntanza mantida en Ares a última hora da mañá, a medida adoptada polo SERGAS «non pode xustificarse cunha pretendida falla de persoal» dado que, segundo asegura a titular fenesa de Benestar, «houbo varios facultativos que se ofreceron a cubrir voluntariamente os turnos agora suprimidos«.

Ante unha situación que se cualifica como «de extrema gravedade«, os municipios de Fene, Ares, Mugardos e A Capela acordaron solicitar un encontro urxente con Ángel Facio Villanueva, xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, para forzar que o SERGAS reconsidere a decisión. «Hai máis dunha década que se puxeron en marcha os reforzos sanitarios durante o verán e non cremos que neste tempo se producisen cambios substanciais que xustifiquen a súa eliminación. Queremos oír os argumentos do SERGAS, aínda que a nosa postura é a de esixir que se volva dotar o PAC de Fene co persoal necesario para garantir unha correcta cobertura do servizo en domingos e festivos«, sentenza Mari Carmen Martínez.

Lea también

Un jurado declara no culpable a la mujer acusada de matar a su marido en Monfero

El Tribunal del Jurado ha considerado a la acusada de matar a su marido en …