O Concello de San Sadurniño e a Universidade da Coruña colaboran na busca dunha solución para a auga de Igrexafeita

Fonte en Igrexafeita – Concello de San Sadurniño

Dispor de auga de calidade e en cantidade suficiente é un dos grandes problemas aos que se enfronta a veciñanza de Igrexafeita que vive entre o Outeiro e a Fontetaberna a un e outro lado da antiga estrada das Pontes. E é que toda esa zona aséntase sobre minerais moi diversos entre os que si, hai moita auga, pero cun alto contido en metais que lle dan mal sabor e que estragan lavadoras, lavalouzas, quentadores e calquera aparello polo que circule. Dar cun bo acuífero do que sacar auga limpa que saiba ao que debe saber a auga -a nada- é unha auténtica ruleta. Por iso, e a raíz de varias peticións durante as xuntanzas dos orzamentos participativos, o Concello e maila Universidade da Coruña están levando a cabo un estudo que permita identificar ben o problema para, en base aos resultados, propoñer solucións.

Un equipo da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos estivo a semana pasada en Igrexafeita tomando mostras en pozos e barrena, traídas e fontes. Tal e como comenta Silvia Bogo -unha das responsables do estudo- “a zona está na confluencia do bloque granítico do Forgoselo e do complexo do Cabo Ortegal. Hai moitas vetas e unha litoloxía moi heteroxénea que favorece un alto contido de metais na auga. O que queremos é ver cales son, caracterizar o problema para poder solucionalo”.

Outro dos problemas que ten a zona é o da falta de auga abonda, polo que o estudo que se leva a cabo tamén tentará localizar un punto que poida subministrar auga para atender as necesidades da vintena de vivendas que nestes momentos teñen problemas de mineralización.

A maioría delas están nos núcleos do Outeiro, A Torre, o Camiño Grande e a Penalonga -as zonas máis elevadas-, mentres que o resto -Remicieiro, A Fraguela, A Casatellada, A Ribeira, A Castiñeira, etc.- ou ben teñen pozos libres do problema ou se abastecen de fontes próximas. Mesmo hai quen asegura a auga con traídas quilométricas desde os regatos que baixan do Forgoselo ou desde a zona do Capelo.

Unha vez se teñan os resultados e unha diagnose do problema, a intención municipal é propor medidas correctoras, que poderían pasar pola colocación de filtros especiais ou pola construción dun depósito desde o que subministrar auga por gravedade, solventando así unha situación que foi obxecto de varias peticións na asemblea dos orzamentos participativos do pasado mes de novembro. Agárdase que a información da UDC estea dispoñible a primeiros do outono.

Reparacións nas traídas municipais

En relación coa auga, o Concello tamén acometeu nos últimos días dúas obras para solventar fugas nas conducións principais da rede municipal. Concretamente foi necesario substituír unha tubaxe preto da antiga praza do Concello e outra xusto ao carón do aparcadoiro do Pazo, no paso peonil da rotonda.

Tal e como se sinala desde a área de Servizos, nos dous casos eran roturas que se solventaron “no menor tempo posible” co obxectivo de minimizar o seu impacto sobre os remanentes na potabilizadora da Agra.

Lea también

Un trabajador herido al caer desde un puente a las vías del tren en O Barqueiro

Un trabajador fue trasladado después de caer desde un puente a las vías del tren …