Fene aproba o seu III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes para o período 2017-2020

O pleno do Concello de Fene celebrado o pasado 6 de xullo deulle o visto e prace ao terceiro plan de igualdade polo que se rexerá a acción municipal de aquí ao 2020. O documento do PIOMH acaba de entrar en vigor e inclúe medidas encamiñadas á consecución dunha igualdade efectiva e real entre mulleres e homes no municipio, así como á erradicación da violencia machista, «expresión última das desigualdades por razón de xénero», tal e como indica a titular de Benestar e Igualdade, Mari Carmen Martínez.

Para elaborar o III Plan de Iguadade de Oportunidades entre Mulleres e Homes a concellaría partiu da diagnose e da avaliación do plan anterior, «revisando as medidas que se levaron a cabo, as que quedaban pendentes e as necesidades e realidades detectadas na actualidade no noso municipio«, explica Martínez.

Neste sentido, a concelleira destacou «a implicación e a colaboración» do tecido social do municipio -entidades, asociacións, centros escolares, grupos políticos, persoal municipal, etc.- como parte fundamental do proceso e, principalmente «á hora de establecer as liñas de traballo, consensuar as áreas de actuación e unha batería de medidas en cada unha delas«.

O documento do III PIOMH está distribuído en cinco grandes áreas que abranguen tanto a identificación da situación en cada ámbito como as propostas correctoras que permitan avanzar cara á igualdade real.

Así, no apartado Fene en Igualdade recóllese a planificación municipal, a implicación política, técnica e da veciñanza cara a consecución dunha sociedade máis igualitaria.

O segundo apartado, denominado Coeducando, céntrase na coordinación cos centros educativos para traballar conxuntamente na educación en igualdade dende a idade infantil até a xuvenil.

O terceiro paquete de propostas do PIOMH agrúpase baixo o epígrafe Emprego, Coeducación e Usos do tempo, co obxectivo de fomentar a igualdade a través da formación, do emprego e da conciliación familiar, laboral e persoal.

O cuarto piar do plan de igualdade é o denominado Sociedade participativa e Corresponsable, no que se abordan a sensibilización e a implicación social de todo o municipio, xunto coa necesidade de acadar o empoderamento social das mulleres.

O quinto aspecto tratado no documento é o relativo á Violencia de xénero e nel establécese como prioridade o traballo preventivo e o de sensibilización social contra a violencia machista, habida conta de que se trata «dun problema de toda a sociedade que a sociedade pode e debe erradicar«.

Consciente de que a linguaxe é o principal vehículo de construción e mantemento de estereotipos de xénero, a área de Benestar incluíu na última parte do III PIOMH unha pequena guía de normas e usos de linguaxe integradora e non sexista. Este apartado pretende ser un manual de referenza do que poidan botar man as entidades, as empresas «e toda a cidadanía en xeral» para poñer en práctica unha comunicación «que contribúa a eliminar do noso ideario colectivo xeitos de expresión que perpetúan o patriarcado e a visión androcentrista da sociedade«.

Desde a Concellaría de Benestar e Igualdade sinálase, ademais, que o PIOMH «é un documento que debemos asumir con responsabilidade» posto que, segundo puntualiza Mari Carmen Martínez «non se trata de facer unha declaración de boas intencións e escribilas nun papel, senón que temos que ser todas e todos, a título individual e colectivo, quen apliquemos na vida diaria todas as recomendacións que se fan no documento. A consecución da igualdade entre homes e mulleres e a erradicación da violencia machista é tarefa de todas e de todos, e ese é tamén o compromiso do Concello de Fene«.

Lea también

Valdoviño celebra su Feirón mensual

Los puestos regresan este domingo 28 a la Puerta del Sol de Valdoviño, que acogerá …