Narón destinará 60.000 euros á construción de dúas canchas multideporte nos barrios da Gándara e O Alto do Castiñeiro

O Concello de Narón vén de adxudicar por un importe conxunto de 60.000 euros a construción de dúas canchas multideporte nos parques da Gándara e Santa Tegra (O Alto-Freixeiro), dúas das áreas de maior crecemento demográfico do concello e cunha alta porcentaxe de poboación nova.

O edil de Obras, Pablo Mauriz, explicou que a obra consiste na construción de dúas pistas multideporte, para uso da poboación infantil, onde se pode chegar a practicar ata oito actividades deportivas diferentes. Trátase de equipamentos cunhas dimensións de 20×10 metros en dúas zonas que, lembrou o concelleiro, “carecían ata o de agora de espazos deportivos libres onde desenvolver deportes de equipo sen regulamentar”. O obxectivo, ademais de incrementar substancialmente a superficie para o lecer en ámbalas dúas zonas, é fomentar a actividade física entre os máis pequenos. As canchas estarán dotadas de elementos deportivos como porterías, canastras e tamén postes centrais para xogos de rede.

As actuacións contempladas forman parte dos plans de investimento en mellora de espazos públicos de Narón, tal e como indicou o edil de Obras, e o prazo de execución será de dous meses.

A cancha da Gándara instalarase na zona pavimentada que se atopa na contorna do colexio Santiago Apóstol e as Torres Coinasa, nunha área xa pavimentada que dispón dalgún elemento para a práctica do deporte, así como un parque infantil remodelado recentemente.

A do Alto-Freixeiro localizarase nunha parcela de 1.500 metros cadrados de zona verde entre as rúas A Garda e Santa Tegra.

Lea también

O Esteo da un golpe encima de la mesa goleando a los líderes

Victoria incontestable de O Esteo ante los hasta hoy líderes, el CD Albense, por 9-4, …