As familias de Valdoviño xa poden solicitar as axudas municipais escolares

Porta do Sol – Concello de Valdoviño

Os veciños e veciñas de Valdoviño poden, dende hoxe, solicitar as axudas municipais para facer fronte aos gastos derivados da adquisición de material escolar e deportivo dos seus fillos/as ou da utilización dos servizos de conciliación existentes no municipio. A publicación onte do anuncio das axudas no Boletín Oficial da Provincia marca a apertura do prazo de solicitude, que comeza a contar hoxe, 10 de xullo. Conclúe o 29 de agosto. Para iso, deben cubrir o impreso que teñen á súa disposición no Rexistro Municipal ou poden descargarse da web www.concellodevaldovino.com, e presentalo xunto á documentación complementaria (volante de empadroamento; copia do DNI do pai, nai ou titor; copia do Libro de Familia; xustificantes de ingresos dos membros da unidade familiar). O pago das mesmas terá lugar no último trimestre do ano, unha vez que as familias xustifiquen os gastos realizados.

O goberno local busca con esta iniciativa social apoiar ás familias valdoviñesas que máis o precisan ao dispor duns ingresos máis limitados.

No marco das súas políticas de benestar, o Concello redefine e mellora este ano as súas axudas escolares. Así, por unha banda, estende as bolsas de apoio ao estudo a todos os niveis educativos agás o universitario (sempre para menores de idade) e, por outra, crea unha segunda modalidade de subvención para facilitar a participación dos máis pequenos nas actividades de escolas infantís ou da Aula da Natureza-Punto Atención á infancia. En todo caso, dado o carácter social da iniciativa, para beneficiarse das axudas cómpre contar cuns ingresos económicos limitados.

Segundo recollen as bases da convocatoria, serán subvencionables os gastos en material escolar e complementario que se realicen de cara ao ano académico 2017/2018 como consecuencia da escolarización dos menores empadroados en Valdoviño que vaian cursar estudos de infantil, primaria ou secundaria en centros educativos do municipio, así como daqueles que vaian estudar o bacharelato ou formación profesional nas localidades veciñas. Tamén, e por primeira vez, subvencionarase a adquisición de material deportivo (chandals, camisetas de deporte, tenis…).

A segunda liña de subvención, concibida para facilitar o acceso aos servizos de conciliación a todas as familias que o requiran, contempla axudas para as familias dos menores de entre 4 meses e 3 anos que se teñan beneficiado durante o curso 2016/2017 das actividades de escolas infantís do municipio ou do Punto de Atención á Infancia.

En ambos casos, as contías a conceder dependerán da renda.

Lea también

Efectivos del GES de Ortigueira localizaron a una mujer que estaba desaparecida

Efectivos del Grupo de Emerxencias Supramunicipal-GES de Ortigueira lograron localizar a una vecina de esta …