A UPG homenaxeou a Moncho Reboiras

Fot. Unión da Mocidade Galega

Decenas de persoas participaron este sábado nos diferentes actos programados en distintos puntos da xeografía galega para honrar a memoria do sindicalista Moncho Reboiras, morto a mans da policía  fai 42 anos.

Diferentes organizacións do nacionalismo galego han rendido tributo por separado á figura de Reboiras con distintos actos celebrados ao longo deste sábado nos municipios coruñeses de Fene, Ferrol e Dodro, localidade natal do independentista.

A Unión do Povo Galego (UPG), partido do que era militante Reboiras no momento da súa morte, realizou unha ofrenda floral no cemiterio de Imo –Dodro–, onde descansan os restos mortais dun dos impulsores do Sindicato Obreiro Galego, precursor da CIG.

Tras isto, a Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva (SCRD) O Pote de Maniños organizou en Fene unha comida popular, á que seguiu, a partir das 16 horas, unha «sobremesa debate» baixo o título ‘A mudanza real que a Galiza precisa’.

A UPG clausurou a xornada de homenaxe a Reboiras en Ferrol, onde tivo lugar unha concentración na Praza de Armas para desde alí, pasadas as sete da tarde, dirixirse pola rúa da Terra, coreando o slogan de «Moncho Reboiras, a loita continúa»  e moitos deles portando bandeiras vermellas da UPG e de Galicia coa estrela vermella, en dirección ao portal do número 27, onde morreu Reboiras despois dun enfrontamento a tiros coa policía tras ser descuberto o piso franco onde se atopaba , con dous compañeiros, na rúa Concepción Arenal.

Xa ante o lugar fíxose unha ofrenda floral cunha breve intervención a cargo de Iván Ribas, voceiro do BNG en Ferrol,  Tras a ofrenda os asistentes cantaron a Internacional .

Para rematar, no Cantón de Molíns, celebrouse un acto político coas intervencións de Sandra Permui, portavoz municipal do BNG en Fene; Adrián R. Bravo, secretario xeral da UMG e Néstor Rego, secretario xeral dá UPG. Os actos de tributo á figura de Reboiras serviron tamén para para denunciaren a “encarnizada persecución a que foi sometida a militancia da UPG nos anos finais da ditadura franquista”.

Necesidade de soberanía

Rego, centrou a súa intervención na defensa da “necesidade de soberanía” para  Galiza, no marco do debate aberto no Estado por causa do proceso independentista en Catalunya. Para o secretario xeral da UPG, a cuestión nacional vai ser o “eixo” que defina o novo período político e defendeu que o nacionalismo galego actúe para lograr que en Galiza o debate xire “sobre a necesidade de soberanía para o noso País”.  “O que nos interesa é que aquí o debate se centre sobre o noso País, sobre a necesidade de superar o actual marco político da Constitución e o Estatuto para podermos decidir sobre o noso de maneira soberana. Ese é o esforzo que vai facer o nacionalismo nos próximos meses. Explicar socialmente as razóns para a soberanía da Galiza. Cataluña vai lograr antes ou despois a súa independencia. A nosa temos que conquistala nós e só podemos facelo gañando o povo para a nosa causa”, afirmou.

A respeito do proceso catalán, o secretario xeral da UPG asegurou o apoio do nacionalismo galego ao referendo de autodeterminación de Catalunya. “Non xa por unha cuestión de solidariedade, senón porque a loita do povo catalán é a nosa mesma loita”, explicou. Neste sentido, Rego chamou a prepararse fronte a reacción “autoritaria e antidemocrática” coa que, na súa opinión, o rexime político español tencionará tronzar as loitas soberanistas e “cercear inda máis as liberdades democráticas e os dereitos individuais e colectivos”. 

Críticas á “esquerda española”

Segundo Néstor Rego a esquerda española «escolleu –-como sempre– xogar ao chovisimo«
O secretario xeral da UPG cargou tamén con dureza contra a posición que as forzas da “esquerda española” manteñen a respeito do referendo do 1-O en Catalunya, acusando tanto á vella esquerda (PCE e Esquerda Unida) ou a “nova autoproclamada esquerda rupturista”, en alusión a Podemos, de prestaren “un novo e impagábel servizo á oligarquía española posicionándose rotundamente contra o referendo de autodeterminación que Catalunya vai realizar no día 1 de outubro”. Unha actitude, que equiparou á mantida polo PCE durante a chamada Transición, colaborando “para a reforma que garantiu a continuidade do Estado español unitario e para a lexitimación como Xefe de Estado dos Borbóns”. 

Compromiso de Moncho Reboiras

Recoñecendo o “firme e activo compromiso militantede Moncho Reboiras, e chamando a recoller o seu exemplo de “fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza” pola que entregou a vida, Néstor Rego destacou o enorme valor que para a UPG teñen a “organización e o activismo”. “A organización do noso povo é o labor máis importante que temos por diante”, proclamou.

Escola de militancia revolucionaria

O actual secretario xeral da UMG, Adrián R. Bravo, reivindicou a organización como “escola de militancia revolucionaria” poñendo en valor a achega desde a UMG “de activistas e cadros comprometidos coa plena emancipación social e nacional do noso País”. “Militantes entregadas e entregados que contribuíron e contribúen, a eito, ao fortalecemento do movemento nacionalista galego en todos os ámbitos de actuación, a principiar polo xuvenil e o estudantil, mais tamén no cultural, ambiental, na defensa da lingua, no sindical e na loita política”. Bravo chamou a toda a militancia da UMG a “contribuír con toda a nosa forza e dedicación á expansión de Erguer-Estudantes da Galiza por todo o territorio nacional” e a fortalecer Galiza Nova (as mocidades do BNG).

 

Lea también

Aprobada en Ferrol la reparación de aceras en diversos puntos

La Junta de Gobierno Local ferrolano JGL dió luz verde al expediente de contratación de …