Os Modernos, The Kids Band, De Vacas e Natural Green actuarán no III Sons na Cortiña de San Sadurniño

A última fin de semana de agosto será intensa en San Sadurniño en canto a propostas de lecer. E é que á Feira Rural do sábado 26 se lle suma o domingo 27 a terceira edición do festival Sons na Cortiña, que xunta actividades ao aire libre coa mellor música no contorno do arboreto de especies autóctonas das beiras do Xuvia. Desde as 12 do mediodía desenvolveranse unha chea de obradoiros -xogos xigantes, circo, unha quedada iger, etc.- que lle darán paso, ás 18.00h. aos concertos de The Kids Band, das sorprendentes De Vacas e de Natural Green.

Porén, a música xa comezará pouco antes da hora do xantar coa orquestra Os Modernos e unha sesión vermú que nos levará ás modas e os ritmos de principios do século XX: chotis, habaneiras ou tango americano, corrido, rumba, mazurca e mesmo un avant-garde twist, sen esquecer xotas e muiñeiras.

Namentras, quen queira poderá gozar desde as 12.00h. de talleres de circo, de creación de pulseiras, camisetas e chapas e de varios xogos. Actividades complementadas pola tarde con tres propostas específicas. A primeira será unha quedada para facer vídeo en instagram, unha rede social na que o Concello de San Sadurniño conta con máis de medio milleiro de seguidoras e seguidores.

O punto de encontro será a haima do Concello ás 16.00h. Alí farase unha pequena introdución á plataforma e ao tema da tarde e compartiranse algúns trucos para que os vídeos -e as fotos- queden ben vistosas. O obxectivo é captar instantes do Sons na Cortiña e do contorno do paseo fluvial, pero tamén sentar as bases dunha comunidade estable que comparta contidos do territorio baixo o hashtag #igersansa.

Case ao mesmo tempo comezará a actividade de loita de sumo, que dará a oportunidade -entre as 16 e as 18.00h- de enfundarse nun traxe acolchado para emular aos inmensos loitadores xaponeses nun torneo onde o único premio será botar unhas boas risas. Algo, o das risas, que tamén buscará o espectáculo das 17.00h. «Circus Magníficus».

O apartado musical abrirano The Kids Band ás 18.00h. Son tres rapazolos de Ferrol que lle renden tributo a grupos de todos os tempos, pero con querencia polo pop e rock dos 70, 80 e 90. Coke, Lucas e Ricky veñen de triunfar en Equiocio e, de seguro, volverán facelo o domingo 27 na Cortiña coas súas versións de temas de Los Secretos, John Lennon, Lou Reed, Tequila, Hombres G….

Despois deles, a iso das 19.15h., subirán ao escenario De Vacas, sen dúbida o grupo revelación da música galega nos últimos tempos. Son Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz, tres mozas con voces prodixiosas e case indiferenzables que se acompañan da guitarra de Guillermo Fernández para versionear «grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia» de artistas tan insignes como as Spice Girls, Michel Teló, PSY, Enrique Iglesias ou Luis Fonsi, de quen cantan o seu particular «Amodiño», mellorando sen dúbida a melodía orixinal.

Retranqueiras e picantes, De Vacas ofrecen un espectáculo dunha calidade musical excepcional que se acompaña dun humor desinhibido e desinhibidor non apto para crianzas (aínda que tampouco lles faga moito mal escoitalo).

O peche musical da tarde -e do III Sons na Cortiña- será cousa de Natural Green, un grupo ferrolán que se mantén fiel á esencia do Reggae. Comezaron en 2009 sendo cinco membros e hoxe son case unha decena. Neste tempo levan percorrido e triunfado nunha chea de festivais, entre eles o Rototom Sunsplash, considerado o máis prestixioso de Europa. Aseguran que a súa música pretende «plasmar a vida tal e como a coñecemos e intentar cambiar o que cremos que está mal na sociedade«.

O Sons na Cortiña naceu en 2015 como festival musical para a xente nova e como continuación nocturna da Feira Rural. Porén, o ano pasado o Concello optou por desdobrar os dous eventos na última fin de semana de agosto, de xeito que o Sons pasase ao domingo cunha programación de seu e ampliada arredor do eixo principal da música.

O festival é unha iniciativa da Concellaría de Mocidade que conta con finanzamento da Deputación da Coruña e a colaboración da asociación cultural AC/DZ. Con ela preténdese «achegar oferta cultural alternativa ao territorio, pensada para a xuventude, aínda que aberta tamén a un público familiar«, comenta a titular da área Sabela Cinza.

A concelleira lembra que a principios do verán se desenvolveron «con grande aceptación» os Venres en Sansa! -tres venres con actividades durante o serán e a noite- que se complementan co Sons na Cortiña e incluso co Chanfaina Lab, que se celebrará na primeira fin de semana de setembro. «Buscamos que San Sadurniño teña unha oferta cultural estable que atenda ao interese de todas as bandas de idade sen excluír ningunha delas. Tanto o Sons como o Chanfaina Lab son boa proba diso porque xuntan xente nova, público familiar e persoas maiores compartindo as mesmas experiencias«.

Lea también

Ares entrega os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Concello de Ares e CPI As Mirandas entregaron esta semana os premios do IV Concurso …