O Concello honra a memoria do alcalde Ramón Souto González dándolle o seu nome «á praza principal de Fene»

Descubrimento da placa – Concello de Fene

Preto dun cento de persoas entre veciñanza, representantes de colectivos e membros de todos os grupos da corporación municipal asistiron na tarde de onte ao acto na memoria do alcalde represaliado Ramón Souto González. Un acto «humilde e sinxelo» no que se descubriu unha placa conmemorativa que, ao tempo, lle dará o nome do rexedor á praza anexa ao Concello. Nela pode lerse «Praza do Alcalde Ramón Souto González (1900-1936). Asasinado polas forzas franquistas xunto a outros membros da corporación municipal en 1936. Derradeiro alcalde republicano». Canda ela, unha frase de Castelao: «Non enterran cadavres, enterran semente».

O acto comezou pouco despois das 20.30h. coa intervención de Juventino Trigo, quen expresou o ánimo do Concello de «recuperar a nosa memoria histórica local, homenaxeando a todas aquelas persoas que nos precederon na loita pola defensa das liberdades individuais, colectivas e nacionais».

Un ánimo que, tal e como recordou Trigo, xa se manifestou en 2006 coa inauguración da escultura «Ano da Memoria» no paseo de San Valentín e co acordo plenario adoptado en decembro dese mesmo ano para «restaurar a honorabilidade das persoas que formaron parte das corporacións republicanas«, así como iniciar os trámites para nomear fillos predilectos a Ramón Souto e ao secretario municipal, Jesús Tenreiro, e derogar un acordo municipal de 1939 no que se lle concedía a Franco o título de alcalde honorífico.

Ramón Souto (A Pobra do Caramiñal, 1900) participou do movemento sindical -foi membro da sociedade agrarista La Necesaria- e tamén político, chegando a ser candidato a deputado no 1933 polas listas socialistas. Accedeu á alcaldía en substitución José Pita Cortés, tamén socialista, que dimitira en xuño de 1936.

Souto foi detido o 1 de agosto xunto con outros membros da corporación fenesa e o secretario municipal, Jesús Tenreiro Prim. Os datos históricos apuntan a que o trasladaron ao campo de concentración de La Escollera -no Arsenal Militar de Ferrol-, ata que na noite do 16 de agosto -ou xa na madrugada do 17- foi sacado de alí e paseado xunto con outros 14 presos políticos -entre eles Jesús Tenreiro ou Xaime Quintanilla-, procedentes parte deles da prisión flotante Plus Ultra.

O seu nome uniuse ao dos case un cento de persoas de Fene represaliadas nos días e meses seguintes ao golpe de estado franquista. Na web Nomes e Voces recóllese un extenso listado coas referenzas e coa friaxe das cifras: 27 persoas paseadas, 4 executadas con algún tipo de procedemento xudicial previo e 58 que sufriron detencións, procesos e prisión por razóns ideolóxicas ou de activismo político.

A todos eses nomes tamén se referiu Juventino Trigo, manifestando «o noso deber de reparar as vítimas da represeión e de preservar a memoria histórica recente» xusto antes de descubrir a placa conmemorativa «na praza principal de Fene» que agora levará o nome do alcalde Ramón Souto González.

Agradecemento da familia

No acto do descubrimento participou tamén Antonio Seijo, veciño de Maniños e neto do irmán xemelgo de Ramón Souto. Para el a homenaxe deste mércores 16 de agosto -81º aniversario do asasinato do rexedor- é «un recoñecemento ao labor deste home. A familia está moi agradecida ao Concello«.

Porén, visiblemente emocionado, Seijo tamén lembrou o padecemento que permaneceu como unha sombra silenciosa nas familias dos represaliados durante a Longa noite de pedra: «miña nai era a única que sabía da vida deste home, pero na casa non se falaba dese tema, era un tabú. Eran outros tempos e había moito medo«.

Feridas que quedaron abertas e que, aínda a día de hoxe, non dán cicatrizado malia levarmos 40 anos de democracia. «Fixemos por saber pero está todo moi pechado. Eu falei co historiador Bernardo Máiz e non foi capaz de recopilar datos«, comenta Antonio Seijo, quen lamenta que a familia nunca puidese recuperar os seus restos, soterrados segundo parece nunha foxa común en Canido.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …