O Foro Ferrol Vivo quere por en valor o tramo local do Camiño Inglés cunha andaina que servirá para reclamar actuacións

Co obxectivo de por en valor o tramo local do Camiño Inglés e de reivindicar unha serie de accións en diversos eidos, o Foro Ferrol Vivo organiza unha pequena andaina para o vindeiro sábado, día 26 de agosto, baixo o nome “Abrindo camiño en Ferrol: a primeira milla do ruta inglesa”. A iniciativa foi presentada na mañá deste sábado polas representantes do FFV Eva Martínez  e Aroa Fandiño, e pola presidenta da Asociación de Veciños de Ferrol Vello, Maite Fernández, que se sumou a esta acción e á que as dúas integrantes do Foro agradeceron a súa colaboración e implicación nesta e noutras actividades desenvolvidas.

Aproveitando o elevadísimo interese que ten o Camiño de Santiago, da saturación que rexistra, sobre todo en determinadas épocas do ano, a ruta francesa, e coa vista posta xa no Xacobeo 2021, Ferrol debe por en valor a súa oferta patrimonial, cultural e gastronómica coa seu trazado da ruta inglesa. Como destacou a voceira do Foro Ferrol Vivo, o Camiño ten traspasado a relixiosidade, que tamén existe entre os peregrinos, e na actualidade é realizado por milleiros de persoas que elixen as diferentes alternativas por outras moitas razóns, como a turística, a deportiva, a de superación persoal, a cultural ou mesmo a social.

Para o Foro, «debemos considerar o Camiño Inglés como escaparate da nosa inmensa oferta patrimonial e cultural, comezando pola fachada marítima, o barrio de Ferrol Vello, A Magdalena, o Modernismo ou as numerosas edificacións militares” e como “fonte de riqueza, xa que o turismo que se pode xerar a través da propia ruta pode servir de revulsivo ao comercio local e hostalería”. “Estamos ante unha oportunidade de revitalizar e recuperar barrios da cidade, dun xeito específico o de Ferrol Vello, que malia ser un dos máis ricos pola súa historia e patrimonio, se atopa nun estado de degradación evidente”, dixo Eva Martínez, que subliñou que o trazado ferrolán precisa dunha serie de actuacións necesarias que non te teñen levado a cabo “aínda que o propio Feijóo anunciara en Fitur que este ano o programa 2015-2021 tería no Camiño Inglés unha das súas prioridades”.

Reivindicacións do Foro Ferrol Vivo

A este respecto, citou algunhas destas reivindicacións concretas que o Foro Ferrol Vivo considera necesarias para poder acadar os obxectivos citados. A ausencia de albergue na cidade da que parte o Camiño Inglés non é entendible, xa que, ademais, existen inmobles axeitados para iso e mesmo ubicados na zona de inicio, como é a antiga sede de Aduanas. “Cun albergue na cidade, dariamos resposta a peregrinos que, ademais, poderían alongar unha noite a súa estancia en Ferrol antes de iniciar a súa ruta”, apuntou Martínez, que insistiu na petición de que as administracións se impliquen e colaboren para poder adquirir este magnífico inmoble.

Tampouco é de recibo, dixo a voceira, que o inicio do Camiño siga, anos despois, desviado de Carme Curuxeiras. “O mantemento –denunciado en diversas zonas do municipio polas que pasa, como en Caranza-, conservación e sinalización da rua resulta fundamental”, afirmou, ao tempo que reclamou máis atención e recursos para paliar estes problemas que noutras localidades, como mesmo en Santiago, si se están solventando e actuando na actualidade.

E, para acadar esa dinamización e recuperación dos barrios, resulta tamén vital desenvolver iniciativas e proxectos, como son o da primeira milla, que abandeira o artista local Eduardo Hermida e que este Foro apoiou dende o primeiro día –de feito, nas súas primeiras xornadas, foi presentado á asociación veciñal e máis adiante reclamado ao alcalde nunha reunión solicitada para ese fin-, ou “Ferrol é moderno”, un programa multidisciplinar impulsado polo propio FFV e que tamén afectaría ao Camiño Inglés, posto que no seu paso pola cidade hai numerosas mostras do Modernismo ferrolán e a existencia dunha sala museo do Modernismo (una das medidas propostas) sería un reclamo máis. Precisamente sobre este proxecto, presentado ao alcalde o pasado mes de xuño, Eva Martínez lamentou que, malia contar con apoio explícito do rexedor, “a día de hoxe non nos chamaron para traballar nel, que era o compromiso acadado ese día”.

Finalmente, a voceiro do FFV, que valorou positivamente algunhas das iniciativas publicitarias levadas a cabo nestes meses –sobre todo, as promovidas pola Deputación e a Emnpresa Mixta de Turismo-, abogou por unha promoción do Camiño que “evite folletos como o que denunciamos en xullo da Xunta e do Xacobeo, nos que unicamente ou de maneira prioritaria, se vendía a cidade da Coruña e Ferrol quedaba nun segundo, ou inexistente, plano”.

O Camiño e Europa

Para o Foro, existen as “ferramentas” suficientes para poder atender todas estas demandas, comezando polas propias administracións –sobre todo a través do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021 da Xunta-, a recentemente creada Asociación de Concellos Amigos do Camiño Inglés ou aproveitando este ano o 30 aniversario da designación do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo.
Precisamente desta última celebración falou Aroa Fandiño, experta en dereito europeo, que lembrou que en 1987 o Consello de Europa, xunto coa Unión Europea, lanzaron esta iniciativa que “mediante unha viaxe polo espazo e o tempo polos diferentes países e culturas de Europa, contribúe a un patrimonio cultural compartido e vivo. Como explicou, as Rutas son redes de base que “promoven os principios que subxacen a todos os traballos e valores do Consello de Europa: os dereitos humanos, a democracia cultural, a diversidade, a comprensión mutua e o intercambio a través das fronteiras”, ao tempo que actúan “como canles de diálogo intercultural e promoven un mellor coñecemento e comprensión da historia europea.”

Así, a primeira ruta recoñecida foi precisamente a do Camiño, o 23 de outubro de 1987. “As rutas do peregrino de Santiago de Compostela”, segundo o Consello de Europa, son unha clara imaxe da “unificación e identidade europea”. Isto é, «un espazo europeo con memoria colectiva e cruzado por estradas e camiños que superan distancias, fronteiras e barreiras idiomáticas». O Camiño, como destacou Fandiño, mostra que Europa construíuse sobre unha historia compartida de intercambios e encontros entre persoas de diferentes orixes, nacionalidades e crenzas.

Por iso, no caso da ruta inglesa tamén debemos ser conscientes do que foi moi utilizada por peregrinos que chegaban ao porto ferrolán en barcos procedentes sobre todo do Reino Unido e Norte de Europa para realizar logo a pé un trazado que supera os 100 kilómetros.

Unha andaina

Con estes obxectivos e como forma tamén de confraternizar e poñer fin ao verán, o Foro Ferrol Vivo organizar unha pequena andaina, que baixo o lema “Abrindo camiño en Ferrol: a primeira milla da ruta inglesa”, terá lugar o vindeiro sábado 26. O punto de encontro será Curuxeiras, xunto á actual oficina de Turismo, ás 12 da mañá e, dende aí, se realizará un percorrido no que se farán paradas en diversos puntos de interese. Rematada a milla, haberá unha churrascada. “Dase a curiosa circunstancia de que a milla cúmprese, máis ou menos, no Guarisnais, local de Esteiro que leva o nome dun expresión ferrolá de orixe inglesa”, dixo Martínez, que bromeou dicindo que “tomaremos un guarisnais no Guarisnais”.
Así, a iniciativa está aberta á participación da cidadanía e entidades que o desexen –como a AVV de Ferrol Vello, que anunciou en boca da súa presidenta a adhesión a andaina e ás reivindicacións, ademais de pedir que a Compostela poida ser recollida no barrio, xa que agora só se pode en San Xiao ou na Domus-, para o que se abre un prazo de inscripción, unicamente para a churrascada, ata o mércores 23, enviando un correo a unferrolvivo@gmail.com. O prezo é de 4,5 euros sen bebida.

Lea también

Inauguración en Ferrol de la «II Festa do Marisco de Semana Santa»

Se celebra hasta el próximo domingo bajo una carpa en el muelle ferrolano de Curuxeiras …

Un comentario

  1. Creo que es una magnífica noticia que la sociedad civil tome la iniciativa para hacer ver a las administraciones que el Camino de Santiago transciende desde hace tiempo la dimensión puramente religioso. De todos modos da pena comprobar como -otra vez- a los ferrolanos se nos hacen promesas que luego no se cumplen. Cualquiera puede comprobar que el número de peregrinos ha aumentado considerablemente, a cualquiera debería poder deducir que esos diez mil peregrinos (recuento de 2016) podrían suponer una fuente de ingresos si tuvieran la oportunidad de llegar un día antes y hacer de agentes en la promoción de la ciudad; lamentablemente se pierden ante la falta de cartelería o señales indicativas y muchos hemos tenido que indicarles por donde transcurre el trazado. Espero que esta acción sirva para que todas las administraciones tomen medidas para al menos paliar las principales carencias.