Os nenos e as nenas do Sahara e Chernóbil acollidos este verán en Narón visitan este luns as instalacións do SPEIS

Os nenos e as nenas do Sahara e Chernóbil que están a pasar o verán con familias de acollida de Narón visitarán este luns as instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón, situadas no Polígono do Río do Pozo.

A Concellería de Acción Social, que dirixe Catalina García, organiza esta actividade para que “os nenos e as nenas coñezan de preto como é e como funciona o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, mentres pasan un rato divertido, xa que os servizos de bombeiros e de seguridade solen ser atractivos para eles”.

García tamén destaca que “se trata de facer unha actividade diferente a outros anos e contribuír ás actividades que as familias realizan con eles durante os seus meses de estancia aquí”.

Os portavoces dos distintos grupos municipais do Concello de Narón tamén están convidados a participar nesta actividade, que se desenvolverá en horario de 11.00 a 13.00 horas.

En Narón pasan o verán sete nenos e nenas saharauis de entre 8 e 12 anos procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia. Os menores chegaron ó municipio no mes de xullo e marcharán nos primeiros días de setembro.

Desde Chernóbil tamén chegaron a Narón no mes de xullo catro rapazas e un rapaz de entre 9 e 14 anos, que xa participaron na iniciativa en anos anteriores. No seu caso a súa partida está prevista para finais deste mes de agosto.

Lea también

Últimos días para inscribirse en Narón no curso sobre “Xestión de redes sociais con Canva e ChatGPT”

Esta acción formativa impartirase dende o vindeiro 2 de maio ata o 28 de xuño, …