O festival de cine de surf máis importante do mundo chega este sábado a Valdoviño

Cartel do festival – Concello de Valdoviño

O festival de cine de surf máis importante e recoñecido do mundo, o Save the Waves Film Festival, chegará este sábado, 26 de agosto, a Valdoviño e as entradas xa están a disposición do público neste enlace. Dará comezo ás 17 horas na Casa da Cultura, futura sede do Océano Surf Museo, o primeiro adicado ó surf en España e que abrirá ás súas portas no último trimestre de ano. E, o cartel do festival para Valdoviño, incluirá “Fishpeople”, de Keith Malloy, e “Under an arctic sky”, de Chris Burkard, ademáis dunha selección das mellores curtas.

O festival é un proxecto cultural impulsado pola ONG estadounidense Save the Waves que, neste 2017, se celebrará tan só en tres cidades europeas: a lusa Ericeira, a capital holandesa Amsterdam e Valdoviño. E un certame que, fóra do vello continente, terá como escenarios, entre outros, Bali, Hawaii, California, Maine, Oregón, Nova Iork ou México.

Chegará a Valdoviño tras as xestións do Concello e o apoio da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Será esta entidade a que financie o festival a través dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia e dentro do proxecto Costa das Ondas. Un produto de turismo de surf da propia Mancomunidade que ten como obxectivo o desenvolvemento dun sector económico en torno ó surf e o seu fin último é que este se convirta nun auténtico sinal de identidade de toda a comarca. En todo caso, os fondos recadados cos donativos das entradas –a razón de 5,33 euros por cada unha delas- destinaranse integramente ós programas e campañas ambientais de Save the Waves.

As películas

“Fishpeople” é un documental que narra as historias dun elenco único de personaxes que dedicaron as súas vidas ó mar. Trátase dunha película sobre os efectos transformadores do tempo pasado no océano e como podemos deixar atrás as nosas limitacións para atopar un significado máis profundo na auga salgada.

“Under an arctic sky” amosa a historia de seis surfistas e a súa viaxe ó longo das xélidas costas de Islandia sendo conscientes de que a peor tormenta que chegará ó país en 25 anos está por chegar. Persistentes néboas e mares tempestuosos descobren ondas perfectas e fan historia navegando baixo as auroras boreais.

A iniciativa, segundo explica o alcalde, Alberto González, forma parte da estratexia do Concello para posicionarse como destino principal do turismo de surf e enmárcase na liña da programación que terá o museo, que abrirá as súas portas despois do verán.

Andada surfeira

Doutra banda, o Concello lembra que mañá martes, mércores e xoves abrirase o prazo de inscrición na I Andada Surfeira. Unha iniciativa con participación gratuíta que se desenvolverá este domingo, 27 de agosto. Para anotarse, é preciso chamar ó teléfono 981 48 76 66 ou acudir á Casa da Cultura nas datas sinaladas, en horario de 10 a 13 horas.

Lea también

O CIRS de Cervás de Ares, énchese polo Día Mundial do Teatro

Cunha radio xigante onde se poden ler nomes de lugares de todo o mundo, dende …