Máis de 60 rapaces e rapazas participaron na sexta edición do Campus de Verán do Baloncesto Narón

Foto de familia do campus – Baloncesto Narón

Máis de 60 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 5 e os 18 anos participaron na sexta edición do campus de verán que organizou o Baloncesto Narón no pavillón municipal da Gándara ao longo da semana pasada. Ademais de traballar aspectos técnicos e tácticos do xogo, adaptados ás idades de cada grupo, e de participar en concursos individuais e colectivos, os pequenos e pequenas recibiron a visita de ex xogadores de ACB –Miguel Piñeiro, José Luis Ferreira e Lucho Fernández- así como do técnico do primeiro equipo, Miguel Maseda, e outros membros do corpo técnico e do plantel que esta temporada disputará novamente a Liga EBA.

Por outra parte, o Baloncesto Narón informa de que aínda quedan prazas nos equipos das categorías de base: escola (nadas e nados entre 2010 e 2012); premini (2008-2009), mini (2006-2007), infantil (2004-2005), cadete (2002-2003) e junior (2000-2001). Os interesados poden obter máis información no correo electrónico ad.santiagoapostol@gmail.com ou chamando ao número de teléfono 610 659 667.

Unha das novidades de cara á próxima temporada ten que ver coa ampliación dos horarios da escola. As pequenas e os pequenos que queiran iniciarse no mundo do baloncesto poderán elixir dous días entre luns e xoves (en horario de 17,30 a 18,30, agás o luns, que é de 17,00 a 18,00 horas), segundo mellor lles conveña.

A directiva do Baloncesto Narón anima ás familias a apostar por este deporte e este club, que leva varios anos medrando en número de fichas e en nivel competitivo nas diferentes categorías.

Lea también

El Racing infantil logra un brillante ascenso a División de Honor

El Racing infantil certificó el domingo su ascenso a División de Honor tras derrotar al Vitoria. …