Máis dun centenar de ciclistas participarán o vindeiro domingo na terceira edición da “BTT Cidade de Narón”

José Luis Fernández, Begoña Espiña, Román Romero e Nuria Senra na presentación – Concello de Narón

O Concello de Narón e o clube MTB Eskornabois organizan a terceira edición da “BTT Cidade de Narón”, unha ruta cicloturista que terá lugar o vindeiro domingo, día 10, na localidade. O edil de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá o evento acompañado por Nuria Senra, Begoña Espina e José Luis Fernández, integrantes do MTB Eskornabois. A día de hoxe estaban xa inscritas un total de 110 persoas, maioritariamente de Narón e de concellos da comarca de Ferrolterra pero tamén de Ribeiras do Miño e Vigo, entre outros.

Os participantes percorrerán un tramo duns 47 quilómetros, saíndo ás 9.00 horas das inmediacións do Centro Comercial Dolce Vita Odeón e rematando no pavillón polideportivo da Gándara. A ruta discurrirá por un tramo do Camiño a San Andrés, para continuar polo parque de Aldea Nova, sendeiros de Bazón e Pedroso e voltar polos Vicás e o Camiño a San Andrés, explicaron. A previsión é que os ciclistas máis rápidos realicen ese percorrido nun prazo aproximado de dúas horas e media, tal e como avanzaron desde o clube MTB Eskornabois. Nesta marcha ciclista de montaña poden participar ciclistas maiores de catorce anos.

O prezo das inscricións, que poden formalizarse ata última hora de hoxe través da páxina web: http://www.prueba-t.es/ é de 10 euros para os ciclistas federados e de 20 para os que non estean federados.
Ao remate deste evento deportivo serviranse pinchos e bebidas aos participantes.

O clube MTB Eskornabois valorou a colaboración do Concello neste evento deportivo e animou ás persoas interesadas en asistir a inscribirse no mesmo. Pola súa parte, o concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero, destacou o traballo realizado polo clube ao longo do ano e tamén, en concreto, para organizar este evento deportivo na cidade.

Lea también

O Club Kang competiu na 6ª Edición Trofeo Kickboxing Ribeira Sacra

Este sábado o Club Kang, clubes de taekwondo e Kickboxing, con sede en Fene e …