Unha vintena de persoas participarán dende o xoves no obradoiro “Poesía: A grafía da emoción”

Pablo Bouza – Concello de Fene

Comeza o obradoiro literario “Poesía: a grafía da emoción” que impartirá en Fene ao longo das vindeiras semanas o escritor Pablo Bouza Suárez. Na primeira sesión, que terá lugar este xoves ás 18.30 horas na ula de estudo da biblioteca municipal, o concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, será o encargado de presentar a actividade para a que se cubriron as 20 prazas ofertadas. O perfil dos/as alumnos/as matriculados no obradoiro é moi variado. Aínda que a maioría son mulleres, tamén se apuntaron catro homes, e a idade dos/as participantes oscila entre os 16 e os 72 anos.

Estimular a sensibilidade poética, fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía e traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes, amais de fomentar o gusto pola lectura poética e enfrontarse ao público (recital de poesía). Son algúns dos obxectivos deste obradoiro de creación literaria que organiza en Fene a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co patrocinio da Deputación da Coruña e Consellería de Cultura e coa colaboración da Concellería de Cultura e da Biblioteca Municipal de Fene.

A actividade estará dirixida polo poeta fenés Pablo Bouza Suárez e contará ademais coa participación como escritor convidado (na oitava sesión) do tamén poeta e director da editorial “Espiral Maior” Miguel Anxo Fernán Vello. Segundo informan dende a Concellería de Cultura de Fene, escolleuse este autor polo seu vencello con Fene xa que “Espiral Maior” é quen edita os libros galardoados co “Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé” que convoca o CMI Unidade de Fene coa colaboración do Concello de Fene.

O obradoiro “Poesía: a grafía da emoción” desenvolverase na aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” entre os meses de setembro e novembro de 2017 (comezará este xoves 14 de setembro e concluirá o xoves 16 de novembro). Terá unha duración de 20 horas repartidas en 10 sesión de dúas horas cada unha e razón de unha sesión por semana: mércores ou xoves en horario de tarde, de 18.30 a 20.30 horas.

A metodoloxía do obradoiro será lúdico-descritiva (explicación, exemplificación, actividades e xogos). Nel fomentarase o traballo individual e en grupo, realizándose distintas propostas de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión. Tamén se procurará a participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro. E, por último, cada un dos/as participantes compartirá cos/as compañeiros/as as súas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a súa diferenza.

A Escola de Escritoras e Escritores da AELG é unha iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos.

Lea también

Los trabajadores de Mugardos continúan con sus protestas ante la postura del gobierno local

Los trabajadores del concello de Mugardos continúan en su lucha por la defensa de sus …