San Sadurniño mellorará a seguridade en Marqués de Figueroa e construirá unha nova senda peonil en Igrexafeita

Marqués de Figueroa – Concello de San Sadurniño

San Sadurniño xestiona nesta anualidade un total de 494.500 euros procedentes do POS+ provincial, o plan único para municipios que aglutina nun mesmo programa os fondos que antes se dividían entre o POS, o PAS e a liña crediticia do PAI. Desta contía global o Concello destinou a obras 220.000 euros coa finalidade de acometer tres proxectos de mellora da rede viaria que acaban de ser adxudicados por un importe total de 139.000 euros. Porén, eses algo máis de 81.000 euros de diferenza non se perderán, senón que se usarán para axudar a financiar outros dous proxectos máis: a mellora da seguridade en Marqués de Figueroa e a construción dunha nova senda peonil no Camiño Grande, en Igrexafeita.

Cando se presentou o POS+ xa se falaba de que este plan único ía ser un plan dinámico, é dicir, que permitiría dotalo de máis remanentes económicos nutridos coas baixas que se producisen nos procesos de licitación. Explicado de forma comprensible: facer un peto para financiar novas obras aproveitando os cartos que se aforran nos procesos de contratación, onde case sempre hai importantes rebaixas económicas.

O sistema dos plans complementarios non é algo novo, pero en anteriores exercicios había que agardar dun ano para outro para ver a canto ascendía ese montante total e volver facer o reparto entre os municipios. O que fai o POS+ é aceleralo todo, permitindo que os concellos fagan todos os investimentos o mesmo ano. De feito, cando os municipios comunicaron os proxectos que ían acometer co reparto inicial do POS+ tamén tiveron que enviar outros a maiores que se farían ou non dependendo das baixas que se producisen nos primeiros.

E así o fixo San Sadurniño, quen preparou os proxectos “Pavimentación dos camiños da Fraga-Penalonga-AC861, o Cancelo-Vilaverde-Brame e outros”, que prevé actuacións nas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Lamas; “Pavimentación dos camiños A Veiga, As Calvelas, A Rega e outros, co que se repararán pistas en Bardaos e Santa Mariña do Monte; e “Pavimentación dos camiños do Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó e outros, dos que se beneficiarán as vías principais destes lugares de Ferreira e Naraío.

Obras que acaban de ser adxudicadas en 70.662€, 36.922€ e 31.743€, respectivamente, o que supón uns remanentes de 81.000€ para levar adiante máis actuacións. Neste sentido, o Concello tiña en reserva catro proxectos dos que, finalmente, fará dous nesta anualidade unha vez que a Deputación aprobe a liberación de fondos do plan complementario.

O primeiro destes proxectos que sairán adiante é a mellora da accesibilidade e da seguridade na Avenida Marqués de Figueroa, cifrada en 66.654,33€. O deseño técnico contempla a renovación das beirarrúas por ambas marxes desde a AC-862 até o colexio público, xusto na zona que máis tráfico rodado e peonil soporta. Sen variar o ancho substituiranse plaquetas, farase un novo firme para eliminar irregularidades e tamén se acometerán rebaixes que faciliten o paso de persoas que se movan con dificultade.

Porén, a actuación tamén servirá para repintar a sinalización horizontal en todo o trazado da avenida -850m. ata o Campo da Feira- e instalar sete dispositivos redutores de velocidade tipo “lombo de asno” (si, chámanse así), que en vez de ser prefabricados e amarrados á estrada coma os vellos irán construídos en aglomerado asfáltico, co que se garante igualmente unha velocidade baixa dos vehículos sen ser tan molestos para a circulación e o oído.

O segundo proxecto tamén está pensado para incrementar a seguridade, aínda que neste caso a seguridade peonil ao longo da antiga estrada das Pontes ao seu paso por Igrexafeita. A obra consistirá na construción dunha senda na marxe norte da estrada, entre Casa Casal e o Bar Xaida, sobre unha distancia total de 295 metros.

O importe dos traballos está cuantificado nun prezo inicial de 44.487,25€. E é que a zona se caracteriza por ter unha fonda cuneta que será necesario atacar e compactar previamente, ademais de instalar nela un completo distema de tubaxes e arquetas que garantan a correcta drenaxe das augas pluviais.

Tanto este último proxecto como o da Avenida Marqués de Figueroa están xa preparados e agora só falta que a Deputación da Coruña habilite a partida complementaria correspondente para iniciar a súa contratación.

Lea también

O Concello crea dúas aulas multimedia na antiga casa consistorial de Cabanas

O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, informou esta mañá do remate das obras que o …