O Concello de Fene inicia as obras de reparación da Rúa Travesa

Rúa Travesa – Concello de Fene

A primeira hora desta mañá iniciáronse os traballos de mellora na Rúa Travesa, consistentes en reparar o firme deste eixo viario próximo ao centro urbano de Fene e na instalación de novas tubaxes tanto para o abastecemento de auga potable como para a drenaxe da da chuvia. Ademais, a obra tamén servirá para preparar unha zona de tránsito peonil máis segura. O Concello adxudicoulle o proxecto a José No Mantiñán e Hijos S.L. por un prezo próximo aos 30.000 euros e un prazo de execución dun mes.

A rúa Travesa é un caso peculiar dentro da rede viaria municipal. Malia ter nome de rúa a súa feitura responde á dun camiño que non ten encaixe na trama urbana municipal definida no PXOM. O ancho medio anda nos 3,5 metros e nalgúns puntos incluso é menor por ter vivendas e ribazos a un e outro lado.

Circunstancias todas elas que dificultan o tráfico -intenso por esa zona- e que, ademais, «fan practicamente inasumible levar adiante obras maiores, como beirarrúas a ambos lados ou o ancheado da calzada. Con todo,desde o Concello debemos manter esta e outras pistas nas mellores condicións posibles«, tal e como reiteraba esta mañá o edil de Obras Justo Martínez, quen inspeccionou o inicio dos traballos na compaña da titular de Seguridade, Sandra Permuy.

As obras comprenden unha distancia de 250 metros, entre os cruzamentos coa rúa Alta e Alcalde Gerardo Díaz. En todo o traxecto cambiaranse as vellas tubaxes por outras de polietileno de 110 milímetros con chaves de paso e arquetas de rexistro para acceder a elas. Tamén se prevé instalar unha boca de rega na parte central da vía.

No referido á canalización de pluviais o proxecto define a limpeza das cunetas e a construción dunha plataforma dun metro de ancho e cun deseño de “v” aberto pola que tamén poidan circular viandantes. Debaixo dela irán instaladas tubaxes de PVC de 400 mm que tamén recollerán a auga das baixantes dos tellados da zona.

O traballo quedará listo coa intervención na capa de rodadura, sobre a que primeiro se fará un rebacheo para logo cubrila con asfalto aglomerado de 5 centímetros de espesor.

A empresa que resultou adxudicataria dos traballos foi a coruñesa José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A., cunha oferta de 29.129,43€, ive incluído, na que, ademais, se compromete a facer os traballos en 28 días naturais. Esta mañá un representante da construtora mostraba a súa confianza en axustarse aos prazos sempre que o tempo axude, é dicir, sempre que non choiva con abundancia.

En calquera caso, o responsable da área de Obras, Justo Martínez, lembrou que o obxectivo do proxecto é «reparar unha vía moi estragada polo uso e polo paso do tempo, xunto coa mellora da seguridade para o tráfico e os peóns«.

Alén desta finalidade, Martínez recalca que «igual que noutras zonas«, o Concello está aproveitando este tipo de intervencións para repoñer infraestruturas hidráulicas danadas ou nun estado precario. «De paso que se se amañan as estradas o lóxico é amañar tamén o que hai debaixo. Hai tubos e conducións da auga con case corenta anos de antigüidade que, de non arranxarse agora, acabarían rompendo tarde ou cedo, obrigándonos a desfacer todo o traballo feito na superficie«.

Lea también

Decomisados en Mugardos 167 kilos de vieira y los utensilios empleados para extraerlos ilegalmente

La Patrulla de Protección de la Naturaleza (Paprona) de la Guardia Civil en colaboración con …